O alcalde de Monforte supervisou as obras da rúa Corredoira
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, supervisou as actuacións de mellora que dende o pasado martes se están a levar a cabo na rúa Corredoira, acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e os concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, e de Deportes, José Manuel Mougán.
Cun orzamento de algo máis de 47.000 euros (47.383,39€), os traballos de mellora do firme desta vía, concretamente nun tramo de 290 metros, están sendo executados dende hoxe pola empresa Ovisa. En concreto, as obras abarcan o tramo que vai dende o inicio da mesma, na rúa Santa Clara, ata o seu encontro coa rúa Irmáns da Pena, xusto antes do acceso ó recinto do Hospital Comarcal.
“Esta nova actuación na rede viaria municipal enmárcase dentro dos 10 proxectos de mellora que dimos a coñecer o pasado mes de xuño e que significan obras en rúas, vías e camiños de titularidade municipal, tanto do eido urbano como rural de Monforte, e que alcanzan, en total, o medio millón de euros”, recordou o Alcalde.
“Deste xeito” engadiu o Alcalde, “o Equipo de Goberno deste Concello segue a executar actuacións na rede viaria municipal para seguir mellorando Monforte tal como vimos facendo dende que chegamos ó Goberno fai case 6 anos, e que seguiremos facendo para cumprir o compromiso que temos con todos os monfortinos e monfortinas”.
Mellora da rúa Corredoira
O Concello decidiu acometer o arranxo desta vía urbana municipal debido a que presentaba un firme asfáltico con numerosas irregularidades e baches.
En concreto, previo ó rexenerado do firme, practicouse un fresado do pavimento de formigón de todo o longo dos seus dous laterais, nun ancho de 1,20 metros. Igualmente, co fin de regularizar a superficie da rúa co das vías adxacentes, aplicouse un fresado do pavimento no entronque coas rúas Santa Clara, Dos Codesos e Padre José de Carabantes, así como ó final do tramo, á altura da rúa Irmáns da Pena e xunto ó acceso do Hospital Comarcal.
Posteriormente, realizouse o varrido do pavimento existente por medios mecánicos de toda a superficie, consistente nunha limpeza enérxica da súa superficie mediante cepillo de arame tralo cal, estase a aplicar unha capa de aglomerado en quente tipo D-12, de 4 cm. de espesor.
Antes do pintado, procederase ó recalce ou levantado de tapas de pozos, arquetas, sumidoiros e demais elementos existentes na calzada, ata o novo nivel do pavimento.
Para rematar, pintarase a vía, coa marcaxe de liñas, cebreados e símbolos, e instalarase a sinalización vertical, consistente en 2 sinais de STOP, no inicio e final do tramo (substituíndo ás actuais en estado deficitario), e 5 sinais indicativas de paso de peóns, unha delas no situado xunto ó acceso do Hospital Comarcal, mentres que nos outros dous pasos, un sinal para cada sentido.