José Tomé Roca participou na celebración do día dos Santos Anxos Custodios
O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, participou nos actos conmemorativos do Día da Policía Nacional, festividade dos Santos Anxos Custodios. Os actos con motivo do Día da Policía Nacional deron comezo ás 11.30 horas, coa celebración litúrxica da festividade dos Santos Anxos Custodios na igrexa da Régoa.
O rexedor monfortino presidiu os actos litúrxicos e institucionais xunto ai inspector xefe en funcións da Comisaría de Monforte, Celso Dacal Vázquez, e o xefe de Seguridade Cidadá da Comisaría de Monforte, Óscar Fernández Prieto.
O Centro do Viño acolleu, dende as 12.30 horas o acto institucional, no que foron impostas condecoracións a diversos funcionarios e entregáronse diplomas de recoñecemento e de colaboración institucional a diversos organismos.
En concreto, impúxose a Medalla ao Mérito Policial con Distintivo Blanco ós policías Carlos Carballo Vázquez e Óscar Fernández Fidalgo. Tamén se lle fixo entrega dun Diploma de Policía Honorario do CNP, ao policía xubilado José Manuel García Somoza.
A continuación, tivo lugar o acto de recoñecemento doutras administracións e da colaboración institucional, mediante a entrega de metopas.
Este ano, as entidades que acadaron tal recoñecemento foron o corpo da Policía Local, a Compañía da Garda Civil e o Concello de Monforte de Lemos, cuxa metopa foi recollida polo alcalde, “polo seu inestimable apoio e colaboración coa institución, coincidindo co 200 aniversario da creación do Corpo Nacional de Policía”.
O rexedor pechou o acto cunha intervención na que destacou “a inestimable labor deste corpo de Policía no día a día da nosa cidade, que sen dúbida, é unha labor decisiva para garantir a seguridade e a boa convivencia da nosa sociedade”.
Tamén, o alcalde felicitou á Policía Nacional monfortina “polo excelente traballo desenvolto durante a celebración das pasadas Festas Patronais”. Neste senso, incidiu Tomé: “A cooperación existente entre os axentes e mandos da Policía Nacional e da Policía Municipal de Monforte, quero salientar que é unha cooperación estreita, solidaria e moi eficaz, polo que quero reiterar o noso agradecemento dende o Concello por este bo facer, e desexar que esta colaboración siga sendo exemplar. Grazas a esta cooperación podemos dicir que o noso é un Concello tranquilo e cun baixo nivel de delincuencia, e así o reseñan os datos dos últimos anos que nos facilitan dende o Goberno de España. Aínda así, non debemos baixar a garda, debemos seguir traballando conxuntamente para poder manter eses bos datos de baixa delincuencia, e acadar así unha cidade tranquila e segura para os nosos veciños e veciñas”.
O mandatario monfortino concluíu desexando que as condicións na prestación do servizo sexan as mellores posibles, e recordou que “fixen todo o posible para que Monforte teña a Comisaría de Policía que se merece. As obras xa están en marcha, así que, si se cumpren os prazos de adxudicación, a finais do próximo ano 2025 estarán rematadas, cunha inversión de case 3,7 millóns de euros, podendo prestar o servizo na nova comisaría ó longo do ano 2026".
E engadiu que “eu creo que boa mostra da importancia das xestións que fixen como alcalde, está acreditado en que este proxecto lévase directamente pola Secretaría de Estado, cando o habitual é que sexa a Dirección Xeral da Policía Nacional. Así que, a nova Comisaría está cada vez máis cerca, e pronto será unha realidade na nosa cidade, motivo polo que nos debemos felicitar e sentir orgullosos, pois contribuirá ademais a consolidar a Comisaría na nosa cidade”.
Tras os actos Institucionais, a xornada rematou coa celebración dun viño español no propio Centro do Viño da Ribeira Sacra.