José Tomé Roca foi investido como alcalde de Monforte e así comeza a súa terceira lexislatura
José Tomé Roca foi investido alcalde de Monforte de Lemos no Salón de Plenos da Casa do Concello, ás 12.00 horas, durante a Sesión Constitutiva da Corporación Municipal xurdida das eleccións celebradas o 28 de maio de 2023.
Deste xeito, desenvolveuse a xura/promesa do cargo de todos os concelleiros e concelleiras da Corporación, baixo as indicacións dictaminadas polo Secretario do Concello, José Antonio Mourelle Cillero, e despois elixiuse ao rexedor, José Tomé Roca, por 10 votos a favor, 4 en contra e 3 abstencións.
Terceiro mandato de José Tomé Roca
No seu discurso, o alcalde destacou que “no inicio do terceiro mandato, nunca os monfortinos e monfortinas deran tanto apoio político ao gañador das eleccións como nesta ocasión, obtendo o 55,6 % dos votos válidos á candidaturas, supoñendo 1.000 votos máis que a suma do resto de partidos xuntos, o que representa o 58,82% da Corporación, preto do 60 %”.
Neste senso, José Tomé “agradeceu aos veciños e veciñas de Monforte o inmenso apoio político que nos deron o pasado día 28 de maio, en forma de maioría absoluta para seguir Gobernando o Concello de Monforte, como Alcalde de todos e todas”.
Do mesmo xeito, o rexedor municipal anunciou o inicio hoxe “dun mandato que vai ser moi positivo para Monforte, a medida que vaiamos facendo realidade os compromisos que figuran no noso programa que votaron maioritariamente os veciños e veciñas de Monforte”. E engadiu que “os veciños e veciñas de Monforte apostaron por un Goberno estable, serio, responsable e que cumpre cos seus compromisos”.
O Alcalde manifestou que “é unha honra ser o voso alcalde, para seguir presidindo o Goberno Municipal, para continuar levando ao noso Concello polo Camiño do Progreso, como viñen facendo nestes últimos 8 anos”. José Tomé avanzou que “dentro de 4 anos, Monforte terá experimentado un cambio positivo moi importante, transformando a nosa cidade e o noso Concello para gañar o futuro”.
Finalmente, agradeceu o rexedor monfortino “o traballo e a dedicación do que ata hoxe foi Concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Tomé López, deixando unha impronta moi positiva no seu bon facer no traballo do Equipo de Goberno do pasado mandato”, e deu as grazas á súa familia e á de todos os concelleiros “por entender e permitir a cantidade de horas e de días que lle dedicamos á actividade política, co obxectivo de mellorar a vida dos monfortinos e monfortinas".