José Tomé Roca convida aos veciños a participar no Entroido de Monforte
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anima á participación de todos os monfortinos e monfortinas na celebración do vindeiro Entroido, logo de que a Consellería de Sanidade publicase o protocolo de medidas básicas para o desenvolvemento do mesmo, protocolo que permite a celebración desta festa.
Tal e como viñera indicando nos pasados días rexedor municipal, “dende o Concello seguimos traballando para desenvolver con normalidade o noso calendario anual de actividades. E tal e como xa fixemos coa Cabalgata de Reis, desenvolveremos un Entroido seguro, dacordo coas medidas establecidas polas autoridades sanitarias”.
O protocolo ditaminado polas autoridades sanitarias recolle unha serie de medidas básicas encamiñado a garantir o uso seguro dos espazos públicos no exterior. Neste senso, incide na obrigatoriedade do uso da máscara en todo momento, a distancia interpersoal ou a hixiene de mans.
Da mesma forma, a utilización da vía pública para a celebración de desfiles ou exhibicións de música ou baile deberá desenvolverse nas condicións que determine a autoridade municipal correspondente, polo que dende o Concello traballase para garantir a celebración dos mesmos, velar polo cumprimento das medidas de seguridade, hixiene e distancia interpersoal vixentes.
“Os nosos veciños poden estar tranquilos, que dende o Concello traballamos para que o Entroido deste ano, logo de que o ano pasado non o puideramos levar a cabo, se celebre de xeito seguro”, subliñou o rexedor monfortino.
“Por iso, animamos ós veciños e veciñas de Monforte a que participen nos diferentes concursos convocados polo Concello para este Entroido 2020, pois garantiremos que se celebren con seguridade e respectando os protocolos de actuación en cada caso.”
18.000 euros en premios
A pasada semana o Equipo de Goberno convocou os concursos de Xoves de Compadres, Xoves de Comadres e Martes de Entroido, para o que destina 18.000 euros, un 37,40% máis que en 2020, no que se repartiron 13.100 euros en premios.
Deste xeito, o primeiro dos eventos festivos programados para o Entroido monfortino será o concurso do Xoves de Compadres, que se celebrará o 17 de febreiro. Unha semana máis tarde, o 24 de febreiro, a cidade do Cabe acollerá outra das citas imprescindibles destas datas: o Xoves de Comadres.
Finalmente, o Desfile de comparsas e disfraces do Martes de Entroido realizarase o 1 de marzo.
As solicitudes para inscribirse no concurso do Xoves de Compadres terán de data límite para ser presentadas o vindeiro 16 de febreiro ás 14 horas; no concurso do Xoves de Comadres, o último día para inscribirse será o 23 de febreiro ás 14 horas; e finalmente para o desfile de comparsas e disfraces do Martes de Entroido, o prazo rematará o 24 de febreiro ás 14 horas.