José Tomé reuniuse con representantes das 34 adegas que participarán no Festival do Viño da Ribeira Sacra
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e polo presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, Antonio Lombardía, reuniuse con representantes das 34 adegas que protagonizará do 5 ao 7 de xullo a sexta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte.
O encontro levouse a cabo no Salón de Plenos da Casa do Concello de Monforte, e serviu para que o alcalde lles explicara os aspectos organizativos, estéticos e técnicos e as principais novidades, en relación coa organización e montaxe do espazo expositivo, que como en pasadas edicións, ubicarase no Paseo do Malecón beira do río Cabe.
Así, o rexedor monfortino deulles a coñecer as novidades no deseño dos espazos e dos postos que cada adega ocupará no certame, así como o deseño das zonas comúns, e todo o programa de actividades que rodea ó Festival.
O encontro cos adegueiros e adegueiras participantes no Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2024 serviu tamén para levar a cabo o sorteo público da ubicación do stand de cada adega no Festival, sorteo que se levou a cabo mediante a extración do nome de cada adega dunha caixa habilitada para a ocasión.
Tomé agradeceu ós adegueiros e adegueiras o seu compromiso e o interese en participar neste certame. Do mesmo xeito, o presidente da D.O. Ribeira Sacra, Antonio Lombardía, que será o pregoeiro desta 6ª edición do Festival do Viño, agradeceu ó alcalde a promoción e a visibilidade que ten este Festival grazas ó traballo que se fai dende o Equipo de Goberno, e que tamén é posible pola colaboración dos adegueiros e adegueiras.
Pola súa banda, os adegueiros amosaron a súa satisfacción pola consolidación deste Festival do Viñe agradeceron ó Concello o interese e esforzo que fai ano a ano para organizar e celebrar un certame do que agardan atraia a milleiros de persoas a Monforte durante a primeira fin de semana de xullo.
O rexedor tamén anunciou que o Paseo do Malecón permanecerá cortado dende o domingo 30 de xuño, para proceder á montaxe do Festival do Viño.