José Tomé puxo en valor o traballo da Rede de Xuderías na súa 63ª Asamblea Xeral
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu os actos arredor da 63ª Asemblea Xeral da Rede de Xuderías de España, que reuniu ao 70% das cidades españolas que conforman esta asociación, que defende e promove os valores do pobo xudeu.
As cidades participantes, ademais da anfitrioa Monforte de Lemos, foron Barcelona, Calahorra, Córdoba, Estella, Hervás, Jaén, Lorca, Lucena, Plasencia, Ribadavia, Sagunto, Segovia e Tui.
Á xuntanza acudiron alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras, así como técnicos e persoal especializado no eido do turismo e da cultura. A todos eles, o alcalde manifestoulles a súa satisfacción porque "acudiron o 70% das cidades que conforman a Rede, o cal foi todo un reto, porque moitas veñen de lonxe, pero é unha satisfacción ter podido celebrar esta importante xuntanza, porque a pesar da enorme tensión do momento actual en Oriente Medio, decidimos seguir apostando por este proxecto, e reunímonos en Monforte”, destacou o alcalde e presidente da Rede durante todo este ano 2023.
Neste senso, o rexedor condenou enerxicamente os atentados terroristas perpetrados en Israel o 7 de outubro e fixo “un chamamento os contendentes para que sempre prevaleza o respecto a poboación civil e ós dereitos humanos”. Do mesmo xeito, José Tomé manifestou o seu desexo de que “este conflito bélico chegue ao seu fin o antes posible, e que se respecten as normas de orde internacional e de respecto á poboación civil de ambos lados da fronteira”. “Desde a Rede de Xuderías, sempre defendemos e promovido, os valores do pobo xudeu ao longo da súa historia. E facémolos extensivos ao resto de pobos e de sociedades. Son os valores de humanidade, cultura, educación, respecto, e en xeral, todos aqueles dereitos que son inherentes ao ser humano”, destacou o presidente.
Retos fundamentais da 63ª Asemblea da Red en Monforte
O presidente da Rede reuniuse de xeito telemático co Director do Centro Sefarad-Israel, Jaime Moreno Bau, co que departiu sobre a situación actual en Oriente Medio, aspectos que foron trasladados posteriormente á Asemblea.
Tomé resumiu en tres os principais retos que se abordaron nesta 63ª Asemblea Xeral Ordinaria da Red de Juderías en Monforte. Dunha banda, “o primeiro reto foi reunirnos a todos, tras as últimas eleccións municipais nas que moitos dos concellos desta Rede cambiaron os seus responsables. Polo que para moitos deles é un reto coñecer en profundidade os proxectos da Rede”.
Neste senso, na súa intervención inicial na asemblea, José Tomé aproveitou para dar a benvida aos novos membros. Así, boa parte da Asemblea estivo dedicada a repasar os proxectos troncais desta asociación que afectan a aspectos tan importantes da xestión municipal como o son o turismo, a cultura e a educación.
O segundo dos aspectos que se aprobaron na Asemblea foi o orzamento para o ano 2024, que rondará os 350.000 euros. O presidente aclarou que “no referido a proxectos internacionais, que incluían encontros con comunidades e asociacións de Oriente Próximo, aínda que están orzamentados, esa parte no poderá levarse a cabo, dada a situación actual, dependendo de como evolucione a actual situación de conflicto”.
O terceiro dos retos abordados hoxe en Monforte foi o de “deixar prantexada unha reunión técnica que acabe de dar formato ós requisitos necesarios para entrar na Rede de Xuderías de España, pois hai moitos concellos interesados en formar parte desta Red, e ese ingreso debe producirse dun xeito ordenado”. O obxectivo común das 21 cidades membro da Red “é poñer en valor e difundir a riqueza patrimonial e cultural sefardí que albergamos nos nosos concellos.
Por iso, a Rede de Xuderías, baixo este obxectivo común, debe estar por encima de cuestións partidarias, porque do que se trata é de poñer en valor un patrimonio que ten unha orixe común a todos nós, e é o pobo xudeu, protagonista dunha parte importante da historia de España” recordou o alcalde na súa intervención inicial. Tamén apelou ao “espírito de cohesión da asociación” e insistiu na “defensa dos valores que transmitimos desde a Rede, porque nos beneficia a todos traballar desde a unión e marcándonos metas comúns”.
A Rede de Xuderías é un proxecto máis que consolidado, que supera os 27 de vida, e contribúe ddecisivamente á oferta turística, cultural, etnográfica e patrimonial que se ofrece desde cada unha das cidades membro.
Proxectos da Rede que afectan a Monforte
O alcalde tamén destacou que en canto os proxectos desta Rede que afectan directamente a Monforte, “por unha banda seguiremos fortalecendo a ruta polas xuderías galegas, entre Monforte, Ribadavia e Tui”.
José Tomé tamén manifestou o seu compromiso de seguir “facendo partícipes, dende o Concello, as visitantes e as monfortinos e monfortinas das actividades culturais que forman parte do noso programa anual de actividade en relación ó eido sefardí como son concertos, presentacións de libros, obras de teatro, a Xornada europea da Cultura Xudía, etc”.
Finalmente, o terceiro dos obxectivo que o rexedor monfortino se marca como liña de traballo é “tentar seducir ó mercado internacional a través do novo portal da Red de Juderías “caminosdesefarad.com”, que está en inglés e portugués, e ten o reto de conectar con todo o continente americano”.