José Tomé inaugura a VII edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

RibeiraSacraXa
O festival reúne a 30 adegas da denominación de orixe e conta ademais con 12 postos de gastronomía, obradoiros infantís, dúas rutas pola Ribeira Sacra, catas e concertos.
Festival-do-Viño-da-Ribeira-Sacra-Monforte
5 Jul 2025

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na noite deste venres a sétima edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra, que se celebrará do 4 ao 6 de xullo no paseo do Malecón. No acto estivo acompañado de representantes institucionais e do pregoeiro deste ano, José Luis Iravedra, presidente da Asociación Cultural e Gastronómica “O Tizón”.

O festival reúne a 30 adegas da denominación de orixe e conta tamén con 12 postos de gastronomía, obradoiros para nenos, dúas rutas pola Ribeira Sacra e actividades de cata para adultos.

“O viño foi o elemento central do desenvolvemento e do crecemento exponencial da Ribeira Sacra nos últimos 25 ou 30 anos”, destacou o alcalde, que defendeu que “promocionar os nosos viños é o mesmo que promocionar a Ribeira Sacra no seu conxunto”.

Tomé subliñou que “esta mostra de viño, formada por adegas que representan ás distintas subzonas da D.O., reforza a imaxe do sector vitícola e dun destino turístico que xira, entre outras cousas, arredor da cultura do viño”.

O rexedor lembrou a importancia económica do sector vitivinícola e recoñeceu que, a pesar de “un momento de dificultade”, segue tendo “gran potencial” e continuará a ser apoiado dende o Concello e a Deputación.

Pola súa banda, o pregoeiro José Luis Iravedra puxo en valor o traballo de viticultores, adegas e distribuidores, e sinalou que “o éxito actual é froito do traballo de moitos anos”. Tamén destacou a singularidade do festival e expresou o seu desexo de que a Ribeira Sacra chegue a ser declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

A inauguración contou coa presenza de representantes de distintas administracións, alcaldes da comarca, forzas de seguridade, responsables do sector vitivinícola e asociacións locais.

O festival ofrece ademais unha zona gastronómica con 12 postos que acompañan a degustación dos viños con produtos locais e elaboracións da hostalería de Monforte.

⚙ Configurar cookies
0.17114496231079