José Tomé defende en Taboada o modelo socialista como “a única alternativa de futuro” para o suroeste lucense

O secretario xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, José Tomé Roca, e a vicesecretaria xeral e secretaria de Organización, Pilar García Porto, presidiron o encontro, enmarcado no calendario de xuntanzas impulsado pola Executiva Provincial co obxectivo, segundo explicaron, de reforzar a coordinación interna e coñecer de primeira man as necesidades do territorio.
Na sesión participaron tamén o delegado comarcal do suroeste, Rafael García Figueiras, así como os alcaldes, voceiros e secretarios xerais das agrupacións de Chantada, Carballedo, Palas de Rei, Antas de Ulla, Taboada e Portomarín.
Durante a reunión abordáronse os principais retos da comarca, con especial atención ao impacto do proxecto Altri, á moratoria do eucalipto e á situación dos concellos no ecuador da lexislatura. Os representantes socialistas coincidiron en criticar a falta de planificación e responsabilidade ambiental da Xunta de Galicia, que, segundo sinalaron, “segue actuando sen transparencia nin diálogo coa veciñanza nin cos concellos afectados”.
Tomé Roca destacou que “o suroeste da provincia de Lugo é unha zona estratéxica que precisa políticas ambiciosas e de futuro, non anuncios baleiros nin improvisación”. Engadiu que o PSdeG-PSOE é “a única forza que impulsa un modelo sostible, capaz de xerar emprego sen hipotecar o futuro do territorio”.
O dirixente provincial tamén criticou a xestión dos concellos gobernados polo Partido Popular, que, afirmou, “viven nunha situación de parálise e falta de proxecto”, citando os casos de Monterroso, Chantada ou Carballedo, “onde a falta de investimentos e o abandono institucional están a frear o avance da comarca”. Segundo dixo, “desde o PSdeG-PSOE ofrecemos estabilidade, planificación e accións concretas. Por iso, en 2027 imos consolidar gobernos socialistas e recuperar aqueles concellos que precisan un cambio urxente”.
O secretario xeral puxo en valor o traballo das alcaldías socialistas do suroeste, como Antas de Ulla e Taboada, que cualificou de “referentes de boa xestión, proximidade e planificación”. “Alí onde gobernamos hai estabilidade, servizos públicos de calidade e proxectos transformadores: ese é o mellor aval do PSdeG-PSOE”, asegurou.
Pola súa parte, Pilar García Porto fixo balance das reunións comarcais celebradas ata o momento e destacou que “estas xuntanzas están a dar resultados moi positivos: están servindo para reforzar a coordinación entre as agrupacións, compartir experiencias e poñer en común as principais problemáticas de cada comarca”. Para Porto, “este diálogo constante co territorio permítenos anticiparnos ás necesidades, coñecer de primeira man a realidade de cada concello e seguir construíndo un proxecto socialista sólido, unido e con presenza en toda a provincia”.
A cita en Taboada forma parte do traballo comarcal impulsado pola Executiva Provincial do PSdeG-PSOE, que nas últimas semanas visitou tamén A Mariña e A Terra Chá, co propósito de escoitar, planificar e fortalecer o partido como alternativa de futuro para a provincia de Lugo.