José Manuel Pol renuncia ao seu cargo de concelleiro no PP de Quiroga

José Manuel Pol vén de presentar a súa renuncia como concelleiro do Concello do Quiroga. Así o comunicou ás presidentas do PP provincial e local, Elena Candia e Rosa Arza, respectivamente, que agradeceron o seu traballo nestes dous anos e “a súa implicación” co Partido Popular e con Quiroga.
Os tres representantes do Partido Popular mantiveron unha reunión na que abordaron os cambios na agrupación local do Partido Popular “para continuar traballando e representando aos veciños e veciñas de Quiroga”.
José Manuel Pol, xestor administrativo con máis de 35 anos de experiencia, ostentaba dende maio do 2023 a portavocía do Grupo Municipal Popular en Quiroga.
O Partido Popular de Quiroga contará cun novo representante no Pleno da Corporación Municipal. Atendendo á lista da candidatura das últimas eleccións municipais, a acta de concelleiro corresponderalle a Andrés Campo, que agradece a todos, tanto representantes do Partido Popular coma veciños, e asegura “estar ilusionado e con ganas de traballar por Quiroga”.
Arza explica que “abrimos novo capítulo” coas “mesmas ganas de traballar, dende a unidade, para acadar os obxectivos que nos marcamos de cara ás vindeiras eleccións municipais”.
Elena Candia e Rosa Arza aproveitaron a ocasión para recoñecer a valía profesional de José Manuel Pol e pola que vén de ser nomeado membro do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, como representante da Xunta de Galicia.
Candia desexoulle “moitos éxitos” lembrando que “é unha responsabilidade que seguro formar parte dunha institución vencellada á formación e, polo tanto, ao progreso e á creación de oportunidades no noso territorio”.