Jesús Alfonso Parada, protagonizou un Faladoiro de Quiroga sobre “O poder evocador do Courel”

Baixo o lema “O poder evocador do Courel”, o investigador e divulgador das tradicións do Courel, Jesús Alfonso Parada, protagonizou o último Faladoiro no Centro Social de Quiroga.
Nado en Meiraos (Folgoso do Courel), Parada destaca pola súa dedicación á literatura e á pintura, centrando gran parte da súa obra na etnografía, as tradicións, as lendas e a paisaxe da Serra do Courel. Superar as dificultades dunha infancia no rural máis profundo levouno a cursar estudos superiores a través da UNED en Historia, Traballo Social e Animación Sociocultural, Lecer e Tempo Libre, nunha época sen titorías nin clases online.
A súa traxectoria literaria comezou en 2007 coa publicación de “Usos, costumes e cousas do Courel”. Desde entón publicou tres ensaios e preto de vinte poemarios, recollendo varios premios e recoñecementos, e está a piques de lanzar unha obra de teatro. Como pintor, iniciouse con debuxos da igrexa de Meiraos e expuxo o seu traballo en diversas ocasións, recibindo tamén distincións como a concedida pola Asociación Fonte do Milagro de Froxán.
O Faladoiro é unha actividade promovida polo Concello de Quiroga a través da Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá, moderada polo concelleiro Xosé Manuel Fernández. Desenvólvese os derradeiros mércores de cada mes, ás 18:00 horas, no Centro Social, e ofrece un espazo aberto á veciñanza para a socialización, o intercambio de coñecementos e a participación cidadá, permitindo aos asistentes facer preguntas ou compartir experiencias tras a presentación do convidado.