Javier Arias garante en Sober a sostibilidade do modelo turístico en Galicia

RibeiraSacraXa
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou esta mañá na xornada “A sustentabilidade do turismo en Galicia: Os riscos da turismofobia”
xornada-turismo-sober
15 Oct 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, clausurou hoxe en Sober a xornada “A sustentabilidade do turismo en Galicia: Os riscos da turismofobia”, organizada pola Unión de Consumidores de Galicia, e subliñou que o modelo turístico galego baséase na sostibilidade, o que permite ordenar fluxos, descentralizar destinos, desestacionalizar a oferta e, se é necesario, poñer límites, minimizando así “os efectos de puntuais masificacións”.

Durante a xornada, expertos en distintas materias participaron en tres mesas redondas para analizar o fenómeno da turismofobia, os bulos ou esaxeracións que a alimentan e os posibles antídotos para abordala. A conferencia inaugural correu a cargo do economista Enrique Benítez Palma, investigador do Instituto Universitario de Investigación Ortega e Marañón (IUIOM).

O delegado valorou positivamente o encontro e destacou que a Xunta comparte a idea de que “o turismo é unha ferramenta de progreso económico e social pero require planificación, responsabilidade e respecto polo entorno”, citando como exemplo á Ribeira Sacra.

Arias lembrou tamén que Turismo de Galicia impulsa na zona iniciativas como o Plan de Sostibilidade Turística en Destino e o Plan Territorial de Cascos Históricos e Vilas Termais. Ademais, destacou os esforzos para consolidar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO, “que é tamén unha declaración de principios que confirma que Galicia aposta por un turismo que preserva o que ten valor, en lugar de esgotalo”.

⚙ Configurar cookies
0.067977905273438