Ítaca Teatro leva 'Profetas' a Barreiros e Quiroga coa súa primeira coprodución co Centro Dramático Galego

LugoXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
'Profetas' é unha proposta meta-teatral que xoga co público a cuestionar se está ante unha obra rematada ou un proceso creativo en desenvolvemento
Profetas-Ítaca-Teatro-Lugo
23 May 2025

A compañía lucense Ítaca Teatro continúa a súa xira coa obra Profetas, un texto de Ernesto Is que foi recoñecido co Premio Abrente da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia en 2021.

As próximas paradas serán en Barreiros e Quiroga, da man da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, con funcións gratuítas o domingo 25 e o luns 26 de maio, respectivamente.

A función en Barreiros será no Centro Sociocultural ás 19:00 horas, mentres que en Quiroga terá lugar no Auditorio Municipal o luns ás 12:45 horas, con entrada de balde en ambos casos.

Profetas é unha proposta meta-teatral que xoga co público a cuestionar se está ante unha obra rematada ou un proceso creativo en desenvolvemento. A historia aborda o reencontro dunha parella xa separada que, a través dunha viaxe ao pasado, reflexiona sobre o amor, o compromiso político e artístico, e o papel da creación na nosa relación co mundo.

A montaxe supón un fito para Ítaca Teatro, ao ser a súa primeira coprodución, nesta ocasión co Centro Dramático Galego, e tamén por marcar o regreso dunha compañía lucense á MIT de Ribadavia tras corenta anos. No equipo artístico destaca a dirección e deseño escénico de Carlos Álvarez-Ossorio, ademais da escenografía da propia compañía, as máscaras de Marga Portomeñe, e as interpretacións de Elea López e Carlos Rebolo, fundadores de Ítaca. A obra leva ao espectador por escenarios tan diversos como Compostela, Mosul e Venecia, combinando planos íntimos, sociais e globais.

⚙ Configurar cookies
0.15584206581116