Isabel Villalba, de SLG, sostén que "é un momento que pode ser dramático para unha comarca"

RibeiraSacraXa
A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego e o secretario de Coordinación Sectorial de UUAA fixeron unha análise da situación actual da DO Ribeira Sacra
Isabel-Vilalba-e-Félix-Porto-Sindicato-Labrego-Galego
30 Ago 2024

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba, e o secretario de Coordinación Sectorial de UUAA, Félix Porto, trasladaron en Monforte unha análise da situación actual da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra e anunciaron unha mobilización conxunta que terá lugar o venres 6 de setembro diante da sede do Consello Regulador, tamén en Monforte.

“Esta situación non é algo puntual que non se vira vir, a caída no consumo de viños tintos en toda Europa vense constatando nos últimos anos, e ademais no caso da Ribeira Sacra xa hai uns stocks que se veñen arrastrando dende o momento da COVID”, introduciu Isabel Vilalba.

Así, insiste en que "é un momento moi complicado, que pode ser dramático para unha comarca na que o mantemento da viticultura ten un impacto directo no tecido económico e social. Convocamos unha mobilización o día 6 con UUAA porque parécenos fundamental dar unha resposta inmediata, resposta que por parte da administración xa vai bastante tarde, malia a ter contado con tempo para polo menos tentar paliar a situación tan dramática que temos hoxe”.

E engade: “Case estamos á porta da vendima e segue sen haber medidas anunciadas, non entendemos por que a Consellaría non pon medidas enriba da mesa. Tanto o ano pasado como este anunciou destilación de crise pero non habilitou orzamento, tampouco explicou por que non se optou por unha poda en verde. O 12 de agosto a Conselleira concedeunos a reunión solicitada en abril e nese espazo anunciounos que se ían tomar accións na semana seguinte, sen que finalmente se producira tampouco ningún movemento”, explica a Secretaria Xeral do SLG-CCLL.

Contodo, dende o Sindicato Labrego Galego demandan á Xunta de Galicia que habilite un orzamento de crise para apoiar ás persoas viticultoras e ás adegas, "optando por aquelas medidas que liberen ou reduzan os stocks, pero sempre co compromiso de recollida da uva e mantemento dos prezos", concreta Isabel Vilalba. "Ademais, precisamos un plan integral adaptado ás estratexias de consumo e a este momento de crise, pero tamén con visión de futuro. O responsábel por pare da Consellaría sería convocar unha mesa de traballo para poder deseñar unha estratexia que aborde o sector no seu conxunto”.

0.20217084884644