Isabel Rodríguez puxo en valor a importancia da Subida a Chantada
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presidiu en Chantada a xunta de Goberno da 49 edición da Subida a Chantada, na que confirmou a total disposición e colaboración do Goberno de España para garantir a seguridade do evento, que se desenvolverá dende o 14 ao 16 de xullo.
Xunto ao alcalde, Manuel Lorenzo Varela, Isabel Rodríguez afirmou que esta iniciativa é “un gran desafío para os deportistas e un estupendo revulsivo económico e social para toda a comarca que, de novo, converterase por uns días no foco de atención de corredores e seguidores do automobilismo”, destacou.
A subdelegada na provincia explicou que “desde a Subdelegación do Goberno colaboramos coa organización na seguridade da carreira, para o que esta fin de semana farán un esforzo especial tanto os axentes da Garda Civil como os do subsector de Tráfico”.
No dispositivo, os axentes despregaranse polo percorrido da proba e nas estradas próximas á mesma, velando pola seguridade de competidores e dos máis de 5.000 afeccionados que se achegarán a Chantada para desfrutar da competición.
Posta en valor da Escudaría Chantada
Por outra banda, destacou “o gran traballo durante todos estes anos” da Escudaría Chantada, que preside Alfonso Viana, e pediulle a todos os afeccionados e deportistas que extremen as precaucións, respectando as normas de seguridade marcadas pola organización.
A Subida a Chantada conta cun itinerario de 4,1 quilómetros, que vai dende a carreteira de Lalín ata a de Gudiña, pasando pola Ponte Vella e a confluencia co camiño de Chantada e Monforte de Lemos.
Isabel Rodríguez puxo en valor a importancia desta proba, valedoira para o Campionato de España de Montaña, tanto polos seus valores deportivos como polo “magnífico escaparate que supón para a promoción de Chantada e a Ribeira Sacra”.
Este ano, a Subida a Chantada contará coa participación de preto de 50 escudarías e máis de 80 pilotos de dentro e fora de España, entre os que destacan nomes como o italiano líder do Campionato de Europa de Montaña, Christian Merli; o alemán Alexander Hin e o español Joseba Iraola.