Isabel Cachaldora asume a coordinación da Aula Universitaria da UNED en Monforte

RibeiraSacraXa
O Alcalde reforza o apoio municipal cunha achega anual de 55.000 euros e destaca o valor inclusivo da UNED na formación
O Alcalde presenta á nova coordinadora da Aula universitaria da UNED na cidade, a monfortina Isabel Cachaldora
31 Dec 2024

O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, presentou onte a Isabel Cachaldora Sánchez como nova coordinadora da Aula Universitaria da UNED na cidade. No acto, no que tamén participou Ana Traseira, directora do centro da UNED en Lugo, puxéronse en valor os logros e a relevancia desta institución como referente educativo na provincia.

Isabel Cachaldora, natural de Monforte, conta cun currículo destacado que inclúe un doutoramento en Dificultades da Aprendizaxe e Procesos Cognitivos pola Universidade de Vigo, ademais dunha ampla experiencia docente en distintos niveis educativos. “Espero que esta nova etapa sexa enriquecedora tanto para ela como para a cidade,” sinalou o rexedor municipal.

José Tomé reafirmou o compromiso do Concello coa aula da UNED a través dunha achega anual de 55.000 euros, ademais de cubrir os gastos de mantemento das instalacións na Casa da Cultura. Pola súa banda, Ana Traseira destacou o crecemento da aula de Monforte, que este ano experimentou un incremento dun 19% no número de alumnos, acadando os 100 matriculados.

Cachaldora amosou a súa gratitude e ilusión, comprometéndose a traballar para fortalecer a presenza da UNED en Monforte e seguir promovendo unha educación inclusiva e accesible para toda a cidadanía.

0.080235958099365