Invisten na contratación de transporte sanitario para os hospitais galegos

LugoXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Destinarán 12 millóns de euros á área sanitaria da Coruña, 12 á provincia de Lugo e 13 á zona de Ourense
interior-ambulancia
Interior dunha ambulancia
23 Jul 2024

O Consello da Xunta autorizou a contratación dos servizos de transporte sanitario terrestre non urxente (ambulatorio e hospitalario) e o hospitalario urxente das sete áreas sanitarias de Galicia, por un importe total de licitación de 84.548.765 euros e un período de duración de 24 meses. Os novos contratos supoñen un incremento global de 23 millóns de euros con respecto aos actualmente vixentes.

En concreto, a licitación desta modalidade de transporte para a área sanitaria da Coruña e Cee acada a cifra de 10.275.405 euros e prevé un total de 36 ambulancias; a da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos ascende a 12.374.280 euros e un total de 50 ambulancias; a de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras é de 13.154.884 euros, con 62 ambulancias; a licitación de Pontevedra e O Salnés acada os 12.118.205 euros e prevé 43 ambulancias; a de Santiago de Compostela e Barbanza supón un importe de 12.044.032 e recolle a disposición de 45 ambulancias; a de Vigo acada a cifra de 16.899.301 e 75 ambulancias; e a de Ferrol é de 7.682.658 euros e de 31 ambulancias.

O valor estimado destes contratos, atendendo á posibilidade de prórroga por un período de 12 meses, ascende a preto de 135 millóns de euros.

A finalidade destas contratacións é a consecución dos máximos niveis de eficiencia na prestación deste transporte sanitario, establecendo os protocolos e procedementos que se estimen necesarios para a consecución de tal fin.

Os servizos a realizar serán o transporte interhospitalario para probas e consultas, as altas e ingresos hospitalarios, os traslados urxentes interhospitalarios, os traslados de tratamentos e consultas programadas, e os traslados fóra da Comunidade Autónoma como consecuencia da asistencia sanitaria en centros referentes a nivel nacional en certas patoloxías, técnicas ou tratamentos.

Son os criterios médicos os que determinarán mediante prescrición que pacientes son os usuarios das ambulancias asistenciais ou non asistenciais e as características técnicas e o equipamento sanitario preciso en función das necesidades do doente.
979.000 servizos anuais

O número de servizos estimados totais nestas contratacións no conxunto das sete áreas sanitarias ascende aos 979.000 anuais, dos que 131.000 corresponden á área sanitaria da Coruña e Cee; 155.000 na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 130.000 na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 101.000 na de Pontevedra e O Salnés; 127.000 na de Santiago de Compostela e Barbanza; 260.000 na de Vigo; e 75.000 na de Ferrol.

Cómpre remarcar nestes contratos a inclusión das melloras das condicións económicas dos traballadores de acordo co V Convenio colectivo galego de transporte sanitario que inclúe actualizacións dos salarios (13% para os anos 2023, 2024 e 2025), ademais de redución horaria de 8 horas en 2024 e outras 16 horas en 2025. Así mesmo, recóllese un aumento das dietas, do plus de transporte e das retribucións de festivos e días especiais, entre outros incentivos.

Así mesmo, nas contratacións establécese a obrigatoriedade do cumprimento do convenio colectivo galego de transporte sanitario, e o ofrecer aos traballadores un emprego estable e de calidade, ademais de protexelos fronte aos accidentes e riscos laborais, asegurando todas as medidas de protección e prevención, proporcionando o subministro de equipos necesarios e promovendo condicións de conciliación familiar e laboral e de igualdade de xénero.

Todos os servizos de transporte sanitario dos pacientes destas áreas sanitarias deberán realizarse no menor tempo posible, pola ruta máis adecuada e nas mellores condicións técnico-sanitarias e de confort para os doentes. Para conseguir este obxectivo, as empresas adxudicatarias deberán levar a cabo xuntanzas periódicas co servizo designado polo Servizo Galego de Saúde co fin de planificar as rutas máis idóneas.

As ditas rutas adaptaranse en función das localidades e domicilios dos pacientes e aos horarios de recollida, tratamentos e presenza dos enfermos nos centros sanitarios e a localización dos mesmos.

Cada unha das ambulancias notificará vía telemática, a tempo real, todos os cambios de estado e os tempos solicitados. A comunicación dos pacientes trasladados realizarase mediante un sistema de lectura da tarxeta sanitaria, no suposto de que non poda utilizarse este sistema, os datos do paciente deberán de ser mecanizados igualmente.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18003606796265