Investirán este verán en diferentes explotacións arqueolóxicas da provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta impulsa este verán un plan de 40 intervencións arqueolóxicas en xacementos de toda Galicia, tamén na provincia de Lugo
explotacions arqueoloxicas xunta provincia
9 Xul 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou que a Xunta de Galicia impulsar este verán un Plan de intervencións arqueolóxicas con 40 actuacións en xacementos arqueolóxicos da Comunidade para contribuír á divulgación e recuperación da historia da Comunidade. “O obxectivo é mellorar a súa conservación, afondar no seu estudo e dar a coñecer este patrimonio á cidadanía”, indicou Calvo, que precisou que o Goberno galego investirá preto de 850.000 euros para tarefas de estudo, mellora, recuperación ou sinalización en diferentes bens.

Así informou o Consello da Xunta, que deu conta desta folla de ruta que forma parte da liña de traballo da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ao longo dos últimos anos para poñer en valor, investigar e dar a coñecer entre a sociedade os distintos xacementos históricos que existen en Galicia. “Galicia ten un rico patrimonio cultural no que os bens arqueolóxicos xogan un papel fundamental, destacando polo tanto polo número como pola variedade e calidade destes bens”, destacou o vicepresidente primeiro.

Así, en solitario ou en colaboración con institucións académicas e concellos, a Administración autonómica levará a cabo tarefas en espazos como circuítos megalíticos, petróglifos, campamentos romanos, mámoas, castros ou pecios, entre outros.

Neste senso, tal e como avanzou Calvo, a provincia de Lugo, pola súa banda, “vai ser a provincia con máis intervencións” xa que está previsto executar preto dunha quincena este ano. Así, ademais da campaña subacuática no pecio San Giacomo de Ribadeo, que acaba de rematar, tamén se continuará cos traballos en Cova Eirós (Triacastela), Monte Cido (Folgoso do Courel), Castro de Santa María (Cervantes) ou no xacemento romano de Proendos (Sober). No Plan de intervencións arqueolóxicas inclúense tarefas nos concellos da Pobra do Brollón, Castro de Rei, Lugo, Navia de Suarna, Pantón e Portomarín.

Por último, inclúese unha partida de máis de 60.000€ para intervencións no conxunto do patrimonio arqueolóxico galego como “a limpeza de xacementos declarados ben de interese cultural (BIC), a monitorización de espazos afectados polo cambio climático e a prospección arqueolóxica para documentar xacementos”, explicou o vicepresidente primeiro.

Ademais do traballo de campo, o compromiso do Goberno galego tamén inclúe tarefas de documentación, estudo e mesmo recuperación. É o caso das pezas atopadas durante as diferentes campañas subacuáticas que se levan a cabo en colaboración coa Armada Española e que son trasladadas ao Museo do Mar de Galicia para a súa restauración por parte de técnicos especialistas.

0.17218995094299