Interior Galego Vivo, súmanse ás críticas polo atentado contra o futuro centro de menores migrantes de Monforte

RibeiraSacraXa
Denuncian que “non é un feito illado, senón a consecuencia directa dun clima de odio e crispación social que está a ser alimentado por determinados discursos políticos e pola permisividade fronte á propagación do racismo nas redes sociais”
atentado-centro-menores-migrantes--monforte
22 Sep 2025

Interior Galego Vivo súmase ás críticas polo atentado sufrido no edificio que ía albergar o futuro centro de menores migrantes de Monforte de Lemos, que foi devastado na madrugada deste sábado por dous cócteles molotov.

Dende Interior Galego Vivo denuncian que o acto “non é un feito illado, senón a consecuencia directa dun clima de odio e crispación social que está a ser alimentado por determinados discursos políticos e pola permisividade fronte á propagación do racismo nas redes sociais”. Así, citan entre outros exemplos, as declaración do novo portavoz comarcal de Vox, Miguel González Lemos, que chegou a afirmar que a apertura do centro en Monforte podía ser un “catalizador” para o seu partido, usando, din, a infancia migrante como arma electoral. Ademais, sinalan, “fixo insinuacións graves e infundadas sobre a idade, procedencia e suposta perigosidade destes menores, reproducindo estereotipos racistas e criminalizadores”.

Neste senso, apuntan tamén directamente á falta de explicacións por parte da Xunta de Galicia tras o anuncio da construción do centro, e acusan á conselleira de Política Social, Fabiola García, de minimizar responsabilidade da Xunta e de cargar contra o alcalde de Monforte, chegando a dicir que “debería dar grazas” pola chegada de menores, sen achegar, din “explicacións claras nin procurar consenso social e deshumanizando o colectivo dos menores sen familia”. Por outra banda, critica tamén a actitude do alcalde de Monforte, José Tomé Roca, que declaraba que “nin temos que ver nin sabemos de onde veñen os menores”, e consideran que isto sería unha forma “lavarse as mans dunha responsabilidade institucional que esixe coordinación, transparencia e empatía”.
Dende IGV deixan clara a súa postura, afirmando que “o fascismo e o racismo non teñen cabida na democracia e que o interior galego condena a violencia e o extremismo fascista. As administracións teñen a obriga de garantir políticas de inclusión, acollida digna e convivencia, e non de contribuír á división social nin de sinalar ás persoas migrantes como problema”.

Por iso, din, apoiarán a iniciativa do grupo municipal Esperta Monforte, que presentou unha moción ao Pleno local de apoio e colaboración institucional en relación co centro, na que se demanda ao equipo de goberno de Monforte de Lemos a manifestar a súa vontade de colaborar institucionalmente coa Xunta e co goberno central en todo o relacionado coa correcta posta en marcha e o axeitado funcionamento de dito centro. A moción demanda que o que o Concello se comprometa a velar para que a Xunta cumpra as súas competencias en relación a que este centro conte cos recursos axeitados en materia de seguridade, educación, servizos sociais e integración comunitaria, solicitando as reunións necesarias coa Xunta e co goberno central.

Ademais, fan un chamamento “á cidadanía, ás organizacións sociais e ás institucións a alzar a voz contra o racismo, a intolerancia e a violencia construíndo unha fronte única dos demócratas”

⚙ Configurar cookies
0.099335908889771