Interior Galego Vivo exixe actuar inmediatamente na N-540

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa
Interior Galego Vivo considera que o estado “calamitoso” da N-540 non permite que se demoren máis as actuacións para o seu aglomerado en condicións.
28 Xan 2024

Interior Galego Vivo considera que o estado “calamitoso” da N-540 non permite que se demoren máis as actuacións para o seu aglomerado en condicións. Deste xeito, censuran  “a irresponsabilidade de PP e PSOE que só se acordan do estado das vías na campaña electoral e só daquelas onde non gobernan, cando se trata de infraestrutura básica, cuxo mantemento compete ás institucións e que non pode ser un problema recorrente que causa roturas, pinchazos e mesmo accidentes graves”.

No mes de xaneiro de 2023 desde Interior Galego Vivo, por iniciativa das agrupacións das comarcas da Ulloa e de Chantada (Por Chantada), manifestaron ao MITMA que o estado da N-540 era completamente “lamentable” e que se trataba dunha situación “recorrente ao longo dos anos, a pesar de ser a principal vía de comunicación entre Lugo e Ourense, ou sexa, o principal nó comunicativo da Galicia interior”.

A agrupación Por Chantada tamén levou ao pleno iniciativas en diferentes ocasións para actuar sobre esta infraestrutura e a corporación acordou por unanimidade, dirixirse ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana en 2018 e 2020.

Recordan igualmente, que xa o 22 de xuño de 2017 “a Comisión de Seguranza Vial do Congreso aprobou unha proposición non de lei para que o Ministerio de Fomento efectuase actuacións de reforma e rehabilitación en diferentes treitos na N-540 na provincia de Lugo”. Mentres, observan unha “continuidade no mal estado do firme que se agudiza nos meses infernais con todo o que trae consigo: perigosidade na condución e avarías que requiren custosas reparacións a unha poboación que, por máis sinais, non dispón de alternativas de transporte público e tampouco dun tren que conecte as cabeceiras do sistema comarcal galego”.

Interior Galego Vivo recorda, do mesmo xeito, o informe de 2015 da Asociación Española da Autoestrada que situaba a Galicia “entre as cinco CCAA co firme das estradas en peor estado, situación que desde entón – e é en extremo lamentábel ter que subliñalo, apenas empeorou, con especial intensidade na comarca de Chantada”.

Estes antecedentes son “unha dupla mostra de que a N-540 sofre un desleixo crónico e que o interior galego padece un abandono institucional con independencia de que goberne o Partido Popular ou o Partido Socialista”.

0.18698811531067