Interior Galego Vivo denuncia as condicións laborais das traballadoras das Casas Niño
Interior Galego Vivo denuncia a situación e condicións laborais das traballadoras das Casas Niño e Casas do Maior e pide que a Xunta teña máis implicación pública na xestión e resolución de continxencias como enfermidades ou permisos laborais, evitando que as persoas perdan dereitos e ingresos.
Así, explica que a titular da Casa Niño de Folgoso do Courel "atopouse con que, por quedar embarazada, vai ver drasticamente diminuídos os seus ingresos para poder afrontar o pago dunha persoa substituta para o servizo".
"Esta situación dáse en máis casos: se es titular dunha Casa Niño e tes calquera enfermidade ou permiso laboral ou calquera continxencia non tes os mesmos dereitos ca calquera traballadora", denuncian.
Segundo comentan, a Casa Niño terá carácter gratuíto para as familias, con atención diúrna de luns a venres, salvo festivos, e cun mes ao ano de vacacións. "Salvo estas excepcións, o proxecto debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano, polo que se debe contar cunha ou máis persoas substitutas para a persoa titular no caso de enfermidade ou emerxencia, persoal que debe buscar e pagar a propia titular", argumentan.
Así, o salario que lles queda mensualmente ás persoas titulares de Casas Niño, que son maioritariamente mulleres mozas, "é inferior ao salario mínimo e vese moi minguado se teñen que buscar substitucións".
Desde Interior Galego Vivo afirman que "a Xunta descansa sobre os ombreiros do emprendemento de moitas mulleres do rural o que é un servizo básico" e din que "é o mesmo modelo que sigue a Xunta coas Casas do Maior para non incrementar recursos na atención á Dependencia. A Xunta prefire así crear “falsas autónomas” que dignificar as condicións laborais nos Servizos Públicos", critican.
Por último, conclúen que hai municipios de zonas rurais sen prazas suficientes para 0-3 anos, como Monforte, capital da comarca de Lemos, que non ten escola infantil da Xunta; ou en Chantada, onde hai sempre lista de agarda e só se accedeu a ampliar prazas este ano 2022.
Así, tamén esixen á Xunta que elabore un mapa de necesidades de prazas de atención á infancia de 0-3 anos nos concellos do interior galego para aumentar as prazas públicas naquelas zonas con déficit ata garantir os dereitos da infancia ao acceso gratuíto ao ensino infantil.