Interior Galego Vivo denuncia a “opacidade” da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

Interior Galego Vivo carga contra o proceso da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial ao que acusa de ser “moi opaco dende o principio” a pesar, lembran, de ser “un elemento esencial para a obtención desta distinción é a participación social”.
Neste sentido, apuntan a unha falta de transparencia sobre os gastos que a promoción da candidatura está ocasionando tanto para a Xunta de Galicia como para as Administracións Locais, sinalando que “aos gastos da Xunta únense achegas municipais en conceptos de propaganda ou actuacións que, presentadas como promoción turística, apenas redundan na calidade ou cantidade do turismo da zona”.
Dende IGV poñen de exemplo as certificacións de Calidade Turística, onde, denuncian “se cobra polo uso do ‘selo de calidade’ mais pola certificación e auditoría dos mesmos”. Explican que, para manter esta distinción, “os Concellos gastan centos de euros en conceptos de uso da marca Q de calidade e na certificación por parte de empresas”.
Así, din, “en 2025, os gastos para manter a Q de calidade da rede de miradoiros do Concello de Sober eleváronse a 2.396,53 euros. No caso de Chantada ascenden a 2.669,99 euros, repartidos entre 552,49 euros polos dereitos de uso da marca, 907,50 euros en auditoría do selo Q e 1210 euros do selo S”.
Ademais, advirten que as actuacións de asociacións privadas ou empresas son apoiadas con fondos municipais, e poñen de exemplo os 495 euros do bus da Asociación de Periodistas Gallegos en Madrid para visitar a zona ou o bus da Xunta Directiva do Celta, cun custo de 350,90 euros.
“Estamos a falar de uso de fondos públicos de distintas partidas, como a promoción turística, que realmente só son propaganda do proceso de candidatura a Patrimonio Mundial, sen que a cidadanía poida fiscalizar en conxunto os cartos públicos empregados”, afirma Paula Verao de Agroma Sober. A Xunta e os Concellos, denuncia, están “apostando todo á carta do Patrimonio Mundial que, aínda que se acadase, non solucionaría os múltiplos problemas estruturais das comarcas da Ribeira Sacra”.
Pola súa banda, Antom Fente, voceiro de Por Chantada apunta a problemas estruturais como o despoboamento ou a falta de ordenación do territorio, que di, “redunda na pésima prevención de incendios”, e seguen sen solucionarse. Mentres tanto, di Fente “os nosos alcaldes se dedican a construír fontes mastodónticas en Monforte, pagar excursións en bus en Sober ou derreter en Chantada máis de 1.8 millóns de euros en facturas reparadas sen observar a Lei de contratos do Sector Público no que levamos de 2025”.
Ademais, engade, a cidadanía “non tivo voz nin voto na candidatura a Patrimonio Mundial nunha xestión da mesma que lembra máis ás antigas colonias que a un estado democrático do século XXI”.