Instaláronse 120 trampas para vespas velutinas en Quiroga

RibeiraSacraXa
O trampeo que se realiza neste mes de maio é o máis efectivo, segundo explican desde a Administración local
trampa-velutinas-Quiroga
16 Maio 2024

Traballadores do Servizo de Prevención e Defensa contra incendios da Xunta de Galicia levaron a cabo estes días a instalación de trampas para combater a presenza da avespa velutina no municipio de Quiroga.

Esta iniciativa de trampeo selectivo forma parte dun plan máis amplo no que se inclúe a retirada de niños primarios, e traballos de formación e investigación que se levarán a cabo durante todo o ano nas catro provincias galegas.

Este trampeo, "selectivo, planificado e coordinado", está xeolocalizado e na súa instalación tense en conta a análise dos datos do 2023, para potenciar a súa efectividade. Dentro do municipio de Quiroga instaláronse 120 trampas, naqueles lugares nos que se deu aviso de avistamento dalgún niño.

O trampeo que se realiza neste mes de maio é o máis efectivo, segundo explican desde a Administración local, "posto que serve para capturar as raíñas e evitar a realización de niños o que serve para o control desta especie invasora". Tamén se realizará un trampeo selectivo nas abellarizas en canto aparezan os primeiros abáboros.

Para os meses de outono e inverno os traballos terán o obxectivo de capturar machos e novas raíñas que emerxen dos niños secundarios durante a etapa de declive do mesmo.

Estas medidas, segundo a Xunta de Galicia, atenden unha das principais demandas do sector apícola e permiten facer un seguimento e estudar a evolución da presenza da velutina debido ao rexistro dos datos na aplicación informática Contravelutina. A información recollida será avaliada de maneira continuada por un grupo de técnicos especializados.

0.17819404602051