Inmaculada Ramos, nova directora do hospital de Monforte
Inmaculada Ramos será a nova directora do distrito sanitario de Monforte. Tomará posesión do cargo nos vindeiros días, despois de que o DOG publicase este luns o seu nomeamento. A praza estaba vacante dende o pasado decembro trala marcha de Iván Sanz ao hospital de Vigo.
Nacida en Estados Unidos pero criada en Quiroga, Inmaculada Ramos é licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela. Despois de licenciarse, a nova directora do hospital monfortino especializouse en cirurxía xeral e do aparato dixestivo no Hospital Universitario Gregorio Marañón de Madrid.
Conta cunha ampla experiencia en direccións médicas en hospitais públicos de España e está especializada en economía da saúde e xestión sanitaria, especialmente na implementación de novos proxectos e servizos. Desenvolveu, de igual xeito, unha importante actividade asistencial como directora médica en distintas empresas do sector sanitario. Nos últimos anos ocupou a dirección para o sur de Europa de Linde Healthcare, unha compañía alemana especializada en gases medicinais aplicados a terapias respiratorias.
Inmaculada Ramos é tamén vicepresidenta da Asociación de Médicos Galegos en Madrid.
Dende a Consellería de Sanidade explican que entre os principais retos da nova directora, está a integración asistencial entre atención primaria e hospitalaria.