Iníciase unha nova campaña informativa sobre o 'Plan de Xestión da materia orgánica' en Monforte
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa de que o vindeiro luns 22 de xullo iniciarase unha nova campaña informativa, coa localización de carpas en diferentes puntos da cidade, sobre o 'Plan de Xestión da materia orgánica' que o Concello de Monforte puxo en marcha no pasado ano 2023, a través do colector marrón, que o Concello implantou progresivamente no eido rural, na zona periurbana da cidade, en grandes produtores, e mediante o sistema de cubeo, no eido urbano de Monforte.
Baixo o lema RecicLemos de xeito sostible, o obxectivo destas carpas informativas é dar a coñecer ós veciños e veciñas da cidade as claves dunha axeitada reciclaxe da materia orgánica.
Neste senso, é a cuarta campaña de accións en rúa postas en marcha dende o Executivo de José Tomé para este fin, dende a posta en marcha do novo servizo de recollida no ano 2023.
“Coa posta en marcha desta nova campaña informativa”, resalta o rexedor, “dirixímonos a toda a cidadanía, pero especialmente a todas aquelas persoas que nos visitan durante o período estival, que teñen vivenda no Concello pero que non viven habitualmente aquí e que veñen a pasar as súas vacacións a Monforte, para que coñezan este novo servizo e poidan utilizalo".
Esta nova campaña informativa posta en marcha polo Concello arredor dos residuos orgánicos, iniciarase este luns 22 de xullo, coa localización da primeira das carpas na rúa Cardeal. E terá continuidade en diferentes zonas da cidade, concretamente o luns 29 de xullo na rúa Doutor Casares con rúa San Pedro, o xoves 1 de agosto no aparcadoiro da área comercial da rúa Chantada e o luns 5 de agosto no cruce da rúa Florida con rúa Calvo Sotelo. O horario destas 4 accións informativas de rúa será de 10.30 a 13.30 horas.