Inícianse os trámites para nomear a Xosé Estévez Rodríguez Fillo Predilecto de Quiroga

RibeiraSacraXa
A iniciativa partiu do Bloque Nacionalista de Quiroga que presentou a solicitude formal cunha exposición de motivos que entenden fan merecedor do devandito título ao destacado historiador quirogués
Xosé Estévez Rodríguez
Xosé Estévez Rodríguez
8 Jan 2025

O pasado 12 de decembro de 2024, a Xunta de Goberno Local do Concello de Quiroga aprobou por maioría dos seus membros a incoación do expediente para o nomeamento do historiador e intelectual Xosé Estévez Rodríguez como ‘Fillo Predilecto de Quiroga’.

Despois de dárselle publicidade a este acordo en medios de prensa locais, abriuse unha fase informativa e de verificación na que se preparará, cun instrutor e unha secretaria, o expediente para presentar a Alcaldía. A continuación, este poderá remitilo para Ditame en Comisión Informativa de Cultura e posteriormente elevar a proposta ao Pleno Municipal. Chegados a este punto, o acordo deberá tomarse por maioría absoluta legal dos seus membros.

A iniciativa partiu do Bloque Nacionalista de Quiroga que presentou, seguindo o Regulamento dos Títulos, Honores e Distincións Oficiais do Concello de Quiroga, á Xunta de Goberno Local a solicitude formal cunha exposición de motivos que entenden fan merecedor do devandito título ao destacado historiador quirogués.

Ademais do extensísimo currículo que atesoura como docente universitario e como intelectual, e de levar sempre o nome de Quiroga por bandeira, os propoñentes poñen en valor diferentes actividades desenvolvidas por Xosé Estévez que consideran contribuíron e contribúen de xeito destacado en beneficio do bo nome, da imaxe e dos intereses do concello e dos seus habitantes.

Dende a formación nacionalista destacan a publicación de obras como O val de Quiroga e Galiza: na saudade do corazón, que representa a súa memoria persoal de quirogués e a memoria colectiva dun pobo. O manexo desta obra é fundamental para coñecer a historia de Quiroga, da súa Comarca e dos seus veciños. Xosé Estévez foi amigo íntimo de Manuel María, coñeceu a Uxío Novoneyra, e mantivo unha extensa relación epistolar con Ernesto Guerra da Cal. E a tamén relevante, “Manuel María e o Val de Quiroga”, libro no que Xosé Estévez enxalza ao poeta chairego pero tamén fai unha homenaxe ao Val de Quiroga como patria natal e eido poético da Ribeira Sacra.

Ademais, lembran que a súa figura foi unha fonte de inspiración e supervisión para a creación da Ruta literaria: Quiroga territorio literario, que recoñece a oito escritores vinculados fondamente con Quiroga e a súa contorna: Pura e Dora Vázquez, Ernesto Guerra Da Cal, Eduardo Moreiras, Uxío Novoneyra, Luis Losada, Ánxel Fole e Manuel María. Un roteiro que leva, entre outros, o sinal de identidade inconfundible de Xosé Estévez e que forma parte como socio fundador da Asociación Nós de Casas, Museos e Espazos Literarios de Galicia. A súa participación foi determinante para crear este espazo.

Por outra banda, poñen en valor que nun recente acto de xenerosidade coa súa Quiroga natal, Xosé Estévez vén de ofrecer ao concello a doazón da súa biblioteca persoal de libros en galego. Estamos a falar de centos de exemplares na lingua de Rosalía que pasarán a formar parte do patrimonio literario da Biblioteca Municipal do Concello de Quiroga.

A figura de fillo predilecto

Esta figura está recollida no artigo 8º do Regulamento dos Títulos, Honras e Distincións Oficiais do Concello de Quiroga, publicado no BOP número 31, do xoves 7 de febreiro de 2008.

“O título de Fillo Predilecto do Concello de Quiroga só poderá recaer naquelas persoas nadas no termo municipal e que polas súas cualidades persoais, ou méritos relevantes –especialmente polos seus servizos en beneficio, mellora ou honor de Quiroga-- alcanzasen alto prestixio e consideración xeral indiscutible no concepto público”.

No Título II deste regulamento figura o ‘Procedemento para a concesión e privación dos títulos, honores, e distincións’. E dentro do mesmo, o Capítulo IV refírese á ‘Tramitación de expedientes’.

0.071420907974243