Inícianse as obras de sinalización das Rutas do Viño da Ribeira Sacra
No día de hoxe inícianse as obras de sinalización das Rutas do Viño da Ribeira Sacra, de Monterrei e de Valdeorras, ás que se destinan 322.000 euros coa instalación de novos indicadores actualizados que recollan os establecementos e concellos que forman parte deste produto turístico vinculado a estas denominacións de orixe vitivinícolas.
Os traballos inclúen a unificación dos tipos de paneis direccionais urbanos e carteis direccionais frecha coa adopción dun único modelo, eliminando os que non se adapten a normativa.
Ademais, simplificarase a sinalización en interseccións cun único panel de elemento de alto interese no canto de varios concentrados e reforzaranse tanto as indicacións de lugares emblemáticos nos que se pretende dar a coñecer as Rutas do Viño como nos cruces ou puntos que induzan a erro.
A sinalización abarcará os municipios lugueses de Monforte de Lemos, Sober, Pantón, Chantada, O Saviñao e Quiroga, dentro da Ruta do Viño da Ribeira Sacra, así coma concellos ourensáns e municipios do Barco de Valdeorras.
As rutas inclúen recursos de interese enolóxico, cultural e paisaxístico entre os que se poden atopar, ademais das adegas, outros establecementos que prestan servizos de restauración e hospedaxe, museos, artesanía ou instalacións de lecer.
A actuación enmárcase no apoio ao enoturismo e a experiencias turísticas vinculadas ás Rutas do Viño. O Goberno galego ampara a marca paraugas Enoturismo Galicia que engloba experiencias personalizadas como estas rutas que permiten descubrir Galicia e contribúen á desestacionalización do turismo galego. Trátase, por tanto dun dos produtos turísticos que axuda a diferenciar a oferta da comunidade e promover Galicia como un destino confiable e de calidade.