Independentes por Quiroga, unha forza nova e decisiva

RibeiraSacraXa
Independentes por Quiroga, unha forza nova e decisiva coa que terán que pórse de acordo os demais partidos políticos
Independentes por Quiroga
5 Xuño 2023

O Partido Popular de Quiroga fracturouse, dando lugar a un partido novo, Independentes por Quiroga, que arrasou nas eleccións

A situación política actual en Quiroga ten dos posibles escenarios: ou o PP dá o seu brazo a torcer e pacta con Independentes por Quiroga, ou poderían ser as tres forzas minoritarias (IxQ, PSOE e BNG) os que se aliaran para sacar adiante un proxecto novo para o Concello da Terra do Courel.

En Quiroga, 2.097 persoas participaron do proceso electoral, das 2.705 censadas, e desas 904 votaron ao Partido Popular, que leva gobernando o municipio desde 1987 con Julio Álvarez á fronte, 36 anos que lle fixeron a Álvarez tomar a decisión de non encabezar a lista destes comicios de 2023.

Así, deixoulle a responsabilidade a José Manuel Pol, que gañou nas eleccións 5 escanos, 3 menos que hai catro anos e que lle impiden gobernar ao non acadar a maioría absoluta, que en Quiroga está establecida en 6.

Pola súa parte, o novo partido, liderado por José Luis Rivera, quen abandonou o ano pasado o goberno local do que formaba parte xunto con Julio Álvarez “por discrepancias”, como explicou; conseguiu 3 edís a través do voto de 604 veciños e veciñas de Quiroga.

Así, defendeu que “para min é un éxito conseguir tantos votos nun grupo independente formado hai poucos meses”. Este grupo político xa se reuniu co PSOE, encabezado por Vicente Parra, para ver se poden formar un proxecto político xuntos.

CONCELLEIROS ELECTOS

  • José Manuel Pol González PP
  • Ana Lucía Nogueira Marcos PP
  • Adrián González Losada PP
  • María Dolores Sánchez Durán PP
  • José Ángel Rodríguez Raposo PP
  • Xosé Manuel Fernández Montes BNG
  • Jose Luis Rivera Castro IPQ
  • Luis Manuel Arias Gonzalez IPQ
  • Maria Teresa Perez Grao IPQ
  • Vicente Parra Vizcaíno PSOE
  • Antonio Marcos Prieto PSOE
  • Xosé Manuel Fernández BNG

No caso dos socialistas, estes acadaron un resultado similar aos anteriores comicios, nos que 423 persoas os votaron, fronte aos 332 que o fixeron este ano, o que denota unha pequena baixada no apoio aos socialistas. Porén, quixeron agradecer “de corazón ter formado parte da historia de 332 quirogueses e grazas por confiar no noso programa de futuro que seguimos convencidos de que era o mellor para Quiroga”, sostiveron.

Do mesmo modo, denunciaron que “sentimos tristeza e vergonza polos movementos que están levando a cabo algúns partidos en busca do poder. Nós somos auténticos e non imos entrar nese xogo”.

Por último, tamén o BNG conseguiu os mesmos resultados que nos comicios anteriores, acadando un concelleiro e 205 votos. Así, quixeron agradecer “os vosos 205 apoios en forma de votos, son benvidos e recoñecen o noso traballo”, defenderon. Aínda así, recoñecen que “esperabamos máis, sinceramente, pero conservamos un concelleiro na futura Corporación Municipal”, sentenciaron.

quiroga 2019 2023
0.20771217346191