Inaugurase en Monforte unha exposición que conmemora os 25 anos da Coral Polifónica do concello

RibeiraSacraXa
Inaugurase no concello de Monforte unha exposición que conmemora os 25 anos da Coral Polifónica do concello
coral polifonica monforte
23 Ago 2022

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugura unha mostra que conmemora os 25 anos da Coral Polifónica do concello de Monforte, e que permanecerá exposta na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro ata o 9 de setembro.

No acto inaugural, o alcalde estivo acompañado pola presidenta da Coral, María del Carmen Lobo, a primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, a concelleira de Cultura, Marina Doutón, e o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, o actual director da Coral, Fernando Sanmartino, así como moitos integrantes da mesma, entre outras autoridades.

Esta mostra percorre os vinte cinco anos de historia da coral a través de carteis e fotos das actuacións máis destacadas, dípticos dos programas musicais, referencias a grupos e corais coas que se fixeron concertos conxuntos, agasallos e outros materiais relacionados coas máis de 240 actuacións da coral.

A exposición tamén conta cun vídeo de hora e media de duración, que recolle as principais actuacións da coral ó longo destes 25 anos de historia.

Esta exposición forma parte das diversas actividades que o concello organiza para conmemorar este 25 aniversario da coral, efeméride que se cumpriu o pasado ano pero que, debido á incidencia da covid-19, decidiuse conmemorar unha vez a pandemia o permitiu, é dicir, neste ano 2022.

Neste senso, o alcalde recorda que dende o concello “conmemoraremos cun acto moi especial este 25 aniversario da Coral Polifónica de Monforte, acto que terá lugar o venres 2 de setembro na Casa da Cultura, a partir das 19.30 horas”.

ORIXES

A coral foi fundada en marzo de 1996, sendo o seu primeiro director Xoan Antón Vazquez Casas. En maio de 1997, faise cargo Fernando Sanmartino Pérez, que na actualidade compaxina a dirección da coral coa actividade de director do Conservatorio e da Banda de Música do Concello de Monforte.

A coral está integrada actualmente por 50 voces mixtas e seu repertorio inclúe Música Sacra, Música Popular Galega, Panxoliñas, Habaneras, etc.

No seu haber, nestes 25 anos de historia, a coral realiza un total de 238 actuacións, das cales 143 foron na cidade de Monforte e 81 repartidas entre localidades de Galicia (como Cee, Ribadeo, Marín, Pontedeume, Mondoñedo, O Grove), Asturias (Cudillero, Mieres, Villaviciosa, Candás) ou Castela e León (Zamora, León).

Tamén destacan as 14 prestixiosas actuacións en diversos países europeos como Suíza, Francia, Italia, Dinamarca, Alemania, Suecia, Bélxica ou Portugal.

En música Sacra, destacan as súas actuacións na Catedral de Tui, en Nosa Señora das Neves, ou en San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela. No ano 1999 gravou o seu primeiro CD de polifonía variada.

O concello de Monforte colabora estreitamente coa Coral Polifónica a través de diversas liñas de actuación, proporcionándolle un local de ensaios, no Edificio Multiusos, aportando a figura do director da coral, sufragando as súas saídas para a realización de concertos, para a súa participación no programa ”Europeades”, ou os intercambios con outras corais e adquirindo o material que necesitan para desenvolver a súa actividade.

Do mesmo xeito, froito desta colaboración, a coral participa anualmente en concertos e actividades organizadas pola nosa concellería de Cultura: concertos de Nadal, Habaneras, Festas Patronais, así como outros concertos institucionais, relixiosos, interpretacións en inauguracións e diferentes actividades culturais, sociais e educativas do Concello.

0.18457889556885