Inaugúranse en Monforte os obradoiros de emprego impartidos na Escola obradoiro da Pinguela
Véñense de inaugurar nunha nova edición dous obradoiros de emprego que se desenvolverán durante este ano nas instalacións da Escola Obradoiro da Pinguela.
No acto estivo presente a tenente de alcalde, Gloria Prada, acompañada polo concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, e varios representantes da Xunta de Galicia.
Os dous obradoiros que se desenvolverán nesta edición son os da especialidade de operacións de gravación e tratamento de datos e documentos así como na especialidade de Restauración de mobles, e “aqueles que finalicen con éxito a formación obterán o certificado de profesionalidade desta especialidade” salientou Gloria Prada.
Estes dous obradoiros, contan cun orzamento de máis de medio millón de euros (536.558,80), e están promovidos polo Concello de Monforte. Esta partida procede de fondos Estatais (do SEPE, Servizo Público de Emprego Estatal), autonómicos e municipais.
A tenente de alcalde apuntou que “con este obradoiro de emprego creamos 24 postos de traballo durante un ano. O grupo estará formado por vinte alumnos e alumnas, dous docentes, unha directora e unha administrativa, cun investimento de máis de medio millón de euros”.
Obradoiro de Emprego sobre dixitalización
O primeiro dos obradoiros de emprego posto en marcha polo Concello leva por título Especialidade de Gravación e tratamento de datos e documentos e é a continuación ó Obradoiro de Emprego Arquivo Dixital-TIC’s, celebrado o pasado ano.
Concretamente, formaranse nel 10 alumnos e alumnas cuxo obxectivo “será a organización e informatización dos arquivos dos Servizo Municipais, a documentación do arquivo histórico do Concello de Monforte, así como documentación administrativa de interese e a disposición do cidadán. Isto inclúe a ordenación, identificación, clasificación e descrición co obxectivo de cargar estes expedientes na aplicación de xestión documental do Concello” indicou a tenente de alcalde.
Deste xeito, levarase a cabo a dixitalización dos expedientes que conforman os arquivos das diferentes oficinas implicadas nestes programa dos Servizo Municipais. Así como a dixitalización de libros de actas consistoriais, documentación histórica e documentación administrativa.
As tarefas a desenvolver inclúen a captura dos documentos orixinais, a súa edición e implementación de metadatos coa finalidade de cargar estes arquivos no repositorio documental do Concello de Monforte de Lemos, segundo os requirimentos técnicos fixados polo mesmo.
A través desta especialidade preténdese dinamizar o patrimonio documental de carácter histórico do Concello de Monforte de Lemos, fomentando a súa xestión mediante a aplicación das TIC, cun tratamento específico para favorecer a súa preservación de cara o futuro e mellorar a súa difusión e acceso por parte do conxunto da cidadanía.
Tamén, avanzar na informatización, dixitalización e automatización do patrimonio documental, impulsando a administración electrónica e contribuíndo a una xestión máis eficiente, rápida e transparente. “A dixitalización acaba de chegar para quedarse como unha nova etapa, a administración debe ir ó lado deste cambio de traballo, onde os procedementos estarán todos dixitalizados, non se concibe xa documentación só en soporte papel” sinalou Prada.
Obradoiro de carpintería e restauración
O segundo dos obradoiros postos en marcha nesta edición, e tamén dirixido a 10 alumnos cun ano de duración, é o de Especialidade en traballos de carpintería e moble.
Neste obradoiro o Concello de Monforte, actuará na recuperación de pequeno mobiliario, que está deteriorado pero que reúne unhas características de calidade e de deseño que se quere volver recuperar e volver usar.
Para elo, a restauración de mobiliario constitúe unha especialidade da conservación e restauración de bens que se ocupa do arranxo e mantemento desta tipoloxía de obxectos.
Neste caso, trátase de material antigo que foi retirado o pasado ano das antigas instalacións municipais que albergaban a Antiga Casa de Socorro, edificio que foi cedido polo Concello ó Ministerio do Interior, para que instale no mesmo as dependencias da Policía Nacional.