Inaugurado o novo Pavillón Polideportivo Municipal da Pinguela de Monforte

RibeiraSacraXa
O rexedor monfortino sostivo que o pavillón "dará servizo e resposta ás necesidades dos máis de 40 clubs e asociacións deportivas coas que conta o municipio, poñendo así a disposición dos veciños e veciñas de Monforte unhas instalacións deportivas modernas, seguras e en estado óptimo de utilización".
inauguracion A Pinguela Monforte
19 Out 2023

O rexedor monfortino sostivo que o pavillón "dará servizo e resposta ás necesidades dos máis de 40 clubs e asociacións deportivas coas que conta o municipio, poñendo así a disposición dos veciños e veciñas de Monforte unhas instalacións deportivas modernas, seguras e en estado óptimo de utilización".

O novo Pavillón Polideportivo municipal de A Pinguela de Monforte foi inaugurado polo alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o secretario de Estado para o Deporte e presidente do Consello Superior de Deportes, Víctor Francos Díaz.

"Hoxe é un día moi importante para a historia de Monforte porque inauguramos un pavillón polideportivo único en Galicia na súa categoría”, sostivo o rexedor no acto inaugural, no que tamén estivo o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, a tenente de alcalde, Gloria Prada, os concelleiros de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luis Losada; de Deportes, José Manuel Mougán; de Sanidade, Drogodependencias, Tráfico e Mobilidade, Pilar Espinosa; de Consumo, Regina López, e de Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, así como os responsables da UTE que desenvolveron as obras de mellora e representantes de diversos clubs deportivos e asociacións que son usuarios habituais desta instalación deportiva.

Na intervención institucional, que tivo lugar a pé de pista do pavillón, o rexedor monfortino subliñou que “estas obras que supoñen unha reforma integral desta instalación deportiva, dotan a Monforte dun pavillón polideportivo seguro, moderno, amplo e que vai a dar resposta ás necesidades da cidade en materia deportiva”.

Así, incidiu en que o pavillón "dará servizo e resposta ás necesidades dos máis de 40 clubs e asociacións deportivas coas que conta o municipio, poñendo así a disposición dos veciños e veciñas de Monforte unhas instalacións deportivas modernas, seguras e en estado óptimo de utilización. En definitiva, dende o Concello o Equipo de Goberno segue mellorando a calidade de vida dos monfortinos e das monfortinas".

Pola súa parte, o presidente do Consello Superior de Deportes destacou “que hai moitas cidades en España que quererían ter este pavillón, que é froito da constancia e do traballo deste alcalde, que tamén buscou a financiación e unha empresa competente para desenvolver o proxecto en pouco máis de catro meses”.

Francos defendeu a importancia do remodelado pavillón “como espazo para a igualdade e a defensa dos valores sociais e deportivos, un espazo que é dos clubs, dos cidadáns e dos deportistas, e a través do cal poderán desenvolver unha vida saludable”.

O presidente do CSD tamén manifestou “que esta non será a última colaboración do CSD co Concello de Monforte” e anunciou, que tras conversas mantidas co alcalde, van traballar en novos proxectos e abrir novos camiños para mellorar outros espazos deportivos nesta cidade”.

Por iso, José Tomé amosou o seu agradecemento tanto ao anterior presidente do CSD, José Manuel Franco, que iniciou o proceso para acadar o financiamento solicitado polo alcalde para levar a cabo esta reforma, como tamén ao actual presidente do CSD, “que foi sensible ao proxecto e propiciou a súa consecución”.

Mellora integral no pavillón da Pinguela

A adxudicación desta importante obra fíxose por un importe de 3.708.051,62 euros, o que supuxo un baixa do 3,10% (118.627,03 euros) con respecto ao presuposto base de licitación. Foi adxudicada no mes de marzo á UTE Construcciones Castro Figueiró S.L.U.-Xestión Ambiental de Contratas S.L.

A financiación da obra foi compartida polo Consello Superior de Deportes, que aportou o 53,52% do orzamento (1.984.462,24 euros) e o Concello de Monforte que aportou o 46,48% restante (1.723.589,38 euros). Monforte foi escollido como un dos 55 proxectos, entre 238 entidades solicitantes, que acadaron unha subvención destas características. Neste senso, un dos aspectos polos que máis puntuación se concedía na valoración dos proxectos presentados era a eficiencia enerxética que se conseguiría unha vez realizadas as obras.

No caso das obras de reforma do Pavillón da Pinguela, estas supoñen unha mellora na eficiencia enerxética do edificio que permite pasar dunha cualificación enerxética E a una cualificación enerxética en canto a consumo de enerxía primaria non renovable, e dunha cualificación enerxética F a unha cualificación enerxética A en canto a emisións de CO2 .

As obras de reforma do Pavillón da Pinguela desenvolvéronse en cinco meses, xa que comezaron o pasado 2 de maio, e foron terminadas en tempo e forma o pasado 30 de setembro “motivo polo cal debemos sentirnos orgullosos e tamén recoñecer a eficacia da empresa adxudicataria”, destacou o alcalde.

As obras leváronse a cabo sobre unha superficie total de actuación de 3.728,23 metros cadrados e, logo da reforma, quedou unha superficie útil resultante de 3.447,72 metros cadrados.

Melloras concretas

Agora, o novo pavillón conta cunha imaxe actual e moderna, na que se reordenan os espazos que permitiron crear un novo ximnasio de 131 metros cadrados, situado a carón do vestíbulo, e un novo almacén na planta baixa, así como aumentar a zona destinada a despachos en 85 metros cadrados.

Na planta superior, a instalación conta con gradas por todo o arredor da pista deportiva, para o que se ampliou a grada actual e se construíron novas gradas no lado oeste e nas dúas cabeceiras, norte sur. Isto permite pasar dun aforo de 465 persoas, da antiga instalación, a 1.198 localidades, o que posibilitará a organización de competicións de máis alto nivel.

O resto de espazos, pista deportiva, vestíbulo, vestiarios, oficinas para clubs e aseos, son totalmente novos. O exterior do edificio tamén loce unha nova imaxe, xa que se urbanizaron un total de 1.400 metros cadrados arredor do pavillón humanizando así todo o perímetro da instalación.

A apertura do pavillón a actividades deportivas está prevista en vindeiras datas, unha vez se ultime dende a Concellería de Deportes o calendario de actividades cos diferentes clubes e asociacións deportivas.

“Estou seguro que o Pavillón Polideportivo de A Pinguela dará resposta ás necesidades dos clubs que o usan habitualmente. É unha instalación modélica que creo que estará por moitos anos ó servizo da xente do deporte de Monforte”, concluíu o Alcalde.

Posta en valor dos investimentos do CSD en Monforte

Ademais da obra de mellora do pavillón da Pinguela, están valorando outras inversións canalizadas recentemente polo CSD, como as destinadas á renovación e mellora dos terreos de xogo dos Campos de fútbol dos estadios Luis Bodegas e do Calasancio, na que o CSD aportou 550.990 euros.

Entre as axudas do CDS e os investimentos aportados polo Concello nos últimos anos, supéranse os 4,5 millóns de euros en melloras de instalacións deportivas. Ás xa mencionadas, engádense a renovación do terreo de xogo e da iluminación do Campo municipal de fútbol de A Pinguela, a renovación da pista polideportiva do Parque de A Compañía, a mellora da eficiencia enerxética do campo Luis Bodegas e a instalación de diversos videomarcadores deportivos de última xeración.

0.201495885849