Inaugurado en Monforte o novo Obradoiro de Emprego da Pinguela
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luís Losada, visitou este luns o Obradoiro de emprego “Rehabilitación Naves Escola Obradoiro A Pinguela-2” que se desenvolverá ao longo de nove meses, nas instalacións da Escola Obradoiro da Pinguela, e deu a benvida ao mesmo a alumnos e profesores.
Nesta edición recibirán formación teórica e práctica 20 alumnos, nun obradoiro que conta con dúas especialidades, albanelaría e carpintería, e aqueles que finalicen con éxito a formación obterán o certificado de profesionalidade desta dúas especialidades” salientou o alcalde. “O obxectivo é formar profesionais que hoxe están moi demandados, paras facilitar a inserción laboral ou ben o autoemprego”.
O rexedor municipal apuntou que “con este obradoiro de emprego, que está promovido polo Concello de Monforte, creamos 24 postos de traballo durante 9 meses; o grupo estará formado por 20 alumnos e alumnas (12 de albanelaría e 8 de carpintaría) 2 docentes, unha directora e unha administradora, cun investimento de arredor de medio millón de euros procedentes de fondos Estatais”. En concreto, conta cun orzamento de 459.928 euros partida que procede de fondos Estatais (do SEPE, Servizo Público de Emprego Estatal), autonómicos e municipais.
Rehabilitación Naves Escola Obradoiro A Pinguela-2
O Concello de Monforte de Lemos ven emprendendo unha serie de actuacións de mellora das instalacións da Escola Obradoiro A Pinguela da súa titularidade, sitas na estrada de rúa Sober, s/n. Con dito fin, desenvolveu o Obradoiro de Emprego Dual “Renovación Naves Escola Obradoiro A Pinguela”, no período de novembro 2023 a novembro 2024.
Deste xeito, no novo obradoiro, que foi inaugurado hoxe polo alcalde, o obxectivo é proseguir actuando nas referidas instalacións da Escola Obradoiro A Pinguela, incidindo, desta vez, nas edificacións nas que ata o de agora non se actuara e no acondicionamento e mellora de urbanización de diferentes espazos dos accesos exteriores e do interior do recinto.
Complementando o contido formativo do obradoiro, contémplase ademais a actuación sobre varios elementos do mobiliario urbano en mal estado de conservación, nos que urxe actuar para a súa conservación. En concreto, abordarase a restauración de espazos urbanos como o Paseo do río Cabe, así como a restauración de bancos, papeleiras, xardineiras e outros elementos urbanos.
O alcalde concluíu subliñando que “unha vez rematado ambos obradoiros, dende o Concello de Monforte temos o compromiso de inserción de alumnos en empresas que precisen contratar a traballadores durante un mínimo de tres meses. Para elo, darémoslle ás empresas un incentivo á contratación de 1.500 euros por alumno e empresa, para favorecer a inserción laboral destes programas no mercado de traballo.