IGV pide que se faga pública toda a información relativa á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

A plataforma Interior Galego Vivo (IGV) presentou escritos nos concellos de Sober e Chantada solicitando que os alcaldes esixan á Xunta de Galicia a entrega da documentación relativa á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. IGV reclama que esta información se faga pública nos propios concellos para garantir a transparencia do proceso.
O 22 de xaneiro, a Xunta presentou a candidatura na Feira Internacional de Turismo (FITUR) en Madrid, nun acto no que participaron representantes do Consorcio de Turismo e varios alcaldes da zona, incluíndo os rexedores de Sober, Pantón e Monforte. Naquela ocasión, a Xunta informou de que o expediente completo xa fora enviado ao Ministerio de Cultura e posteriormente remitido ao Centro de Patrimonio Mundial. Porén, IGV denuncia que esta documentación non é accesible ao público, xa que non está dispoñible no Portal de Transparencia nin foi facilitada aos distintos actores implicados no territorio.
Desde IGV critican que, malia a foto conxunta dos alcaldes de distintas tendencias políticas en FITUR, non se está proporcionando información detallada á cidadanía sobre un proceso que debería ser transparente e participativo. A plataforma considera que, sen acceso á documentación, resulta imposible avaliar se se incorporaron as suxestións da poboación nin coñecer a calidade científica da candidatura.
A pesar destas críticas, a candidatura segue adiante co respaldo da maioría das administracións. Porén, IGV desmárcase deste consenso político ao considerar que se basea na falta de información e na exclusión da cidadanía. Por este motivo, solicita que os concellos esixan á Xunta a documentación e procedan á súa exposición pública.
Ademais, a plataforma cuestiona a suposta unanimidade de apoio á candidatura no territorio, argumentando que a participación foi moi reducida. Segundo indican, a poboación local descoñece como esta designación contribuirá a resolver os problemas estruturais da zona. En lugar de beneficios, temen que só xere máis restricións normativas e burocráticas que agraven o abandono rural e prexudiquen a agricultura familiar. Por este motivo, IGV tamén propón que os concellos inicien un proceso de consulta nas parroquias para recoller opinións e suxestións sobre o futuro da Ribeira Sacra.