IGV demanda solucións ante a “deterioración estrutural” do sector vitícola na Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
Advirten dunha “crise vitícola sen precedentes” e chaman á mobilización
Viñedos-Monforte
12 Aug 2025

A plataforma cidadá Interior Galego Vivo (IGV) alerta da “deterioración estrutural” do sector vitícola na Ribeira Sacra, unha crise que, din, “leva anos agravándose”.

Dende IGV lembran que xa veñen tempo denunciando a situación nos plenos de Chantada, Monforte e Sober, así como apoiando iniciativas dos sindicatos agrarios, que tamén alertan desta crise. Porén, “A semanas da vendima continuamos sen respostas nin solucións por parte da Consellaría de Medio Rural, aínda que a conselleira se deixe caer por canta festa e feira do viño haxa en canto o lume con inclemencia carboniza Chandrexa de Queixa, Vilariño de Conso, Riós ou Vilardevós”.

Trátase, din, dunha “crise estrutural de modelo” que, segundo eles, “debería obrigar tamén ao Consello Regulador a pronunciarse con contundencia, pois dá a sensación de que as pequenas e pequenos viticultores non teñen voz e o único que transcende ao público son os anuncios propagandísticos da Xunta”.

Xa a finais de 2023 e comezando 2024, IGV alertaba dunha “crise de excedentes de uva” que engade presión ao sector, perante a incapacidade das adegas para recoller toda a produción e a escasa presenza da nova xeración de viticultores”, advirten.

Ademais, din que “as supostas axudas, non chegaron á base de produtores, ou apenas uns centos de euros”, algo que consideran “anecdótico”.

Segundo estimacións dos sindicatos agrarios, explican dende IGV, entre 1,3 e 2 millóns de quilos de uva poderían quedar sen recoller esta vendima, “cando faltan semanas para o seu inicio” e advirten de que “unha segunda campaña consecutiva sen recollida pode resultar mortal para a DO”.

Por iso, entenden que o sector “demanda unha resposta inmediata e estrutural”. Así, piden que se elabore un estudo de custes do quilo de uva, con atención a cada subzona da Ribeira Sacra, “para evitar que se continúe incumprindo flagrantemente a Lei da Cadea Alimentar”, así como un “compromiso público de recollida de uva por parte das adegas, con prezos xustos e garantía de recoñecemento da súa produtividade”, establecer incentivos directos ao viñedo en socalco ou adaptar a PAC para priorizar o cultivo en ladeira e aplicalo ao viñedo. Ademais, propoñen, un plan de relevo xeracional impulsando a incorporación de persoas novas ao cultivo da viña, promover a diferenciación por subzonas e simplificar a burocracia para viticultores, e desenvolver liñas de axuda “que non exclúan na práctica, polos requisitos e pola burocracia, ás persoas viticultoras”.

⚙ Configurar cookies
0.22277903556824