Homenaxe aos colleiteiros falecidos que deron pulo á Feira do Viño de Quiroga
Quiroga acolleu este venres unha homenaxe aos colleiteiros falecidos que participaron na Feira do Viño da localidade ao longo das súas catro décadas de historia. O acto enmárcase nas actividades programadas polo Concello para lembrar a feira vitícola nas que serían as súas datas habituais de celebración pero que houbo que suspender, por segundo ano consecutivo, por mor da covid. A intención é facer o certame os días 24 e 25 de xullo, se a situación o permite.
Así as cousas, a feira deste ano, dixo o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, "é a feira da lembranza, da sensibilidade, dos viños e dos adegueiros e colleiteiros". Para favorecer esa lembranza, o auditorio municipal acolle estes días unha exposición das botellas dos caldos que participaron nas edicións pasadas da feira, así como os distintos carteis anunciadores do festexo. E nese escenario fíxose a homenaxe aos colleiteiros falecidos. "Foron e son eles os que fixeron que a Feira do Viño de Quiroga sexa o evento máis importante da Semana Santa en Galicia, o de máis afluencia e o que máis público concentra”, salientou o rexedor quirogués.
Como mostra de recoñecemento e agradecemento ao traballo e dedicación dos colleiteiros, "os auténticos protagonistas", o Concello fixo entrega aos seus familiares dun diploma e dunha botella dos viños que presentaron a algunha das edicións da feira, nos casos que aínda se conservaban. Para Julio Álvarez, "estas botellas son historia, historia dunha data importante agora e historia dentro de cen anos, porque nin a Feira do Viño de Quiroga, nin o viño, nin os colleiteiros van morrer".
MÁIS ACTOS
Os actos de lembranza da Feira do Viño seguen hoxe, sábado 3 de abril, cunha alborada, a partires das 12.30 horas, a cargo do grupo de gaitas O Recanto, e pola tarde actuará nas rúas da localidade a charanga BB+. Mañá domingo, ás 13.00 horas, farase a entrega dos premios do concurso municipal de debuxo infantil dedicado á Feira do Viño e, a continuación, haberá unha actuación da banda de música Val Miñor. A programación rematará ás 18.00 horas co espectáculo de animación de rúa, a cargo de Troula Animación.