Hipócrita Teatro chega mañá a Quiroga coa obra Arte
A compañía lucense Hipócrita Teatro representará mañá mércores día 7 a obra teatral Arte no auditorio do Museo etnográfico municipal de Quiroga.
A representación da obra de teatro e danza infantil, chega Quiroga ás 19.00 horas e forma parte do Circuíto de Teatro Afeccionado.
É unha comedia para tódolos públicos dirixida por José Campanari e cuxa autora é Yasmina Reza, que ten unha duración total de 60 minutos.
Arte é unha obra construída con personaxes que se revelan pouco a pouco ata adquirir unha complexidade insospeitada e que, entre risas, moitas risas, amosarán unhas cantas cousas nada banais sobre nós mesmos, sobre a fraxilidade das relacións humanas e sobre a incapacidade para entender e para amar por riba dos nosos propios prexuízos.
En cuestión dunha semana e por un motivo aparentemente trivial, tres amigos fan saltar polos aires unha relación de vinte anos, comportándose como nacións en guerra: alianzas secretas, pactos rotos e, sobre todo, tolerancia cero.
A compañía
Hipócrita Teatro naceu en Lugo, en novembro do ano 2004, formado por un grupo de alumnos e alumnas do Obradoiro de Teatro que organizara o Concello de Lugo.
Dende entón traballa de xeito ininterrompido a prol da dinamización cultural a través das actividades teatrais que abranguen:
A creación e representación de espectáculos teatrais para todo tipo de públicos, de pequeno formato (Casting, Miseree, INRI, Onde Chaplin perdeu o seu paraugas, A última pregunta) ou de gran formato (Menestra de testosterona, Unha historia con pau, Emperador, que pensas? Fala!)
Hipócrita Teatro pertence á Federación Galega de Teatro Afeccionado.