Habilítase un vehículo no Folgoso do Courel para trasladar ás persoas que o necesiten ás súas citas médicas
O Pleno do Concello de Folgoso do Courel aprobou unha Proposta de Alcaldía para que se habilite o vehículo municipal todo terreo con persoal do Concello para que as persoas que o precisen poidan acudir con regularidade ás citas médicas concertadas co Sergas.
Para iso, contarase coa colaboración dos profesionais sanitarios dos centros de saúde e dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello para xustificar a necesidade de acudir ás consultas médicas fóra do municipio porque esa persoa non conta coa capacidade económica suficiente para facer fronte ao gasto en desprazamento.
Desde o Goberno local precisan que, para levar a cabo esta proposta, será necesaria a coordinación interprofesional entre o persoal sanitario dos centros de saúde e os Servizos Sociais Comunitarios do Concello, a fin de detectar ás posibles persoas que se atopen nas circunstancias descritas.
A rexedora, Lola Castro, recorda que o Concello de Folgoso do Courel adquiriu un vehículo todo terreo ao abeiro do Convenio interadministrativo entre a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Folgoso do Courel.