Guerra aberta entre o PP e o PSOE de Ourense tras consumarse a moción de censura de Manzaneda

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Os socialistas denuncian que a moción supón recoñecer expresamente a vulneración do Pacto Antitransfuguismo por parte do PP provincial e sinalan directamente a Menor
rolda-de-prensa-psoe-manzaneda
24 Nov 2025

Os socialistas levarán ao pleno provincial unha moción para denunciar a ruptura do PP co Pacto pola Estabilidade Institucional establece de xeito categórico que os partidos se comprometen a “rexeitar e non admitir” a concelleiros tránsfugas

O Grupo Provincial Socialista presentará no próximo pleno da Deputación de Ourense unha moción contra o transfuguismo político tras consumarse hoxe en Manzaneda unha moción de censura apoiada en dous concelleiros que se presentaron nas listas do PSdeG-PSOE ás eleccións municipais de 2023.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE e voceiro socialista na corporación provincial, Álvaro Vila, xunto con representantes da executiva, asistiron ao pleno onde denunicaron “unha moción esperpéntica, apoiada en dous tránsfugas que foron nas listas do PSOE e avalada polo PP”.

Para Vila, a moción supón “a culminación do tipo de política que o PP aplica na provincia, baseada no desleixo da opinión da veciñanza”, que lembra, concedeu nos comicios unha maioría absoluta ao PSdeG-PSOE en Manzaneda con cinco concelleiros fronte aos dous do PP.

Ademais, o líder socialista advirte de que o pleno de hoxe en Manzaneda evidenciou “as contradicións internas dunha operación política” que o PSOE considera “contraria aos principios democráticos e ao Pacto Antitransfuguismo que o propio PP subscribiu”. “Algún concelleiro mesmo non sabía o que tiña que vota”, denuncia Vila.

A decisión, como xa advertiran os socialistas fai varias semanas, marcará un antes e un despois nas relacións entre o PSdeG e o PP na provincia. Unha guerra aberta entre ambas formacións que terá a súa primeira batalla no próximo pleno, onde os socialistas defenderán unha moción para denunciar estas prácticas, que advirten, supoñen “o incumprimento por parte da dirección do PP do pacto acordado entre todos os grupos políticos”.

A iniciativa esixe ao presidente da Deputación, Luís Menor, que clarifique a súa posición e asuma responsabilidades tras admitir publicamente que o PP de Ourense “aceptou” o apoio de dous concelleiros que abandonaron o grupo socialista, o que para o PSOE é recoñecer expresamente a vulneración do Pacto Antitransfuguismo.

Para o PSOE, a moción de censura de Manzaneda constitúe “un suposto inequívoco de transfuguismo segundo o Pacto pola Estabilidade Institucional, constatando que o presidente Luís Menor admitiu publicamente a vulneración deste compromiso e ratifica o apoio da Deputación ao Pacto” ao que lembran, a institución se adheriu por unanimidade hai menos de catro anos. O devandito Pacto establece de xeito categórico que os partidos se comprometen a “rexeitar e non admitir” a concelleiros que abandonaron o suxeito político que os presentou ás eleccións, sen excepcións.

⚙ Configurar cookies
0.078945159912109