Gonzalo Caballero demanda axudas para o sector vitivinícola
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou Chantada para avaliar os danos ocasionados nos viñedos pola tormenta de pedrazo dos últimos días.
Dende alí, o máximo dirixente do PSdeG reclamou ao goberno galego un plan de axudas directas para o sector vitivinícola de Chantada. “Máis alá das visitas do conselleiro, son necesarias medidas económicas”, demandou Gonzalo Caballero, logo de instar á Xunta a “que se comprometa de forma efectiva” con produtores e adegas.
“Caeu pedrazo e sarabia cunha enorme intensidade e eliminou as posibilidades de recolleita do sector do viño, que é fundamental para toda esta bisbarra”, subliñou o líder socialista, quen recalcou que este fenómeno meteorolóxico no mes de xuño “amosa que o cambio climático está aquí”.
Por iso, Gonzalo Caballero urxiu á Xunta a que “converta en prioritario” o sector vitivinícola nesta contorna logo de que vivise un “ano difícil” pola crise da covid e que “agora ve como todas as súas perspectivas económicas están en risco ou, directamente, desapareceron”.
Plan de recuperación dos viñedos
Á marxe das axudas económicas, o secretario xeral do PSdeG instou á Xunta a desenvolver un plan de recuperación dos viñedos que “mobilice inmediatamente ao persoal da consellería para que se estudie a situación”.
Trátase, dixo, de “favorecer a recuperación das plantacións e da produción” no menor tempo posible e de que os técnicos da consellería ofrezan un asesoramento “que permita aos produtores saber como tratar as cepas para que poidan sobrevivir” aos danos ocasionados.
“A Xunta ten que declarar un interese prioritario nesta cuestión e tomar todas as medidas xurídicas e económicas: ten que volcarse con estes produtores”, concluíu.
Na visita tamén estiveron o secretario de Organización do PSdeG, José Antonio Quiroga; os deputados autonómicos Noa Díaz, Martín Seco e Luis Álvarez; a deputada no Congreso por Lugo, Ana Prieto; e a voceira socialista en Chantada, Raquel López, entre outros concelleiros socialistas da bisbarra.