Goberno e Deputación firman o convenio para a construción dun Centro de Innovación Territorial

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Mediante este acordo, o Ministerio achegará 510.000 euros e o ente provincial outros 340.000 entre este ano e o 2029
firma-protocolo-goberno-CIT
26 Sep 2025

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a directora Xeral de Políticas contra o Despoboamento, Ana de los Ángeles Marín, veñen de asinar o convenio polo que a provincia entra a formar parte da Rede de Centros de Innovación Territorial (CIT) cun investimento de 850.000 euros destinado a frear o despoboamento e dinamizar o rural. “O Executivo de Pedro Sánchez continúa a cumprir cos compromisos adquiridos con esta provincia e nos seguimos a captar fondos que nos permitan desenvolver proxectos clave para reter talento e modernizar o territorio”, valorou o mandatario provincial.

Este acordo ten por obxectivo a creación dun marco de cooperación entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e a Deputación para impulsar unha plataforma de coordinación pública e privada que permita mobilizar financiamento e coñecemento co obxectivo de dinamizar a economía local, xerar emprego e fixar poboación, sacar adiante iniciativas sociais e tecnolóxicas e conectar o territorio coas universidades, centros de investigación e empresas para transferir innovación.

Mediante o convenio que se vén de formalizar, o Ministerio comprométese a achegar 510.000 euros e a Deputación outros 340.000 entre este ano e o 2029, comezando este ano cunha primeira partida de 100.000 euros. A Deputación de Lugo deberá poñer a disposición do CIT os espazos adecuados para o seu funcionamento, achegar o persoal necesario e contribuír coa súa organización.

Tomé Roca explicou que este acordo se enmarca no traballo que a Deputación de Lugo leva anos facendo “impulsando políticas destinadas a acercar os servizos ao rural” e destacou a rede pública de residencias de maiores que puxo en marcha a institución provincial para “favorecer o arraigo cunha atención de calidade, creando emprego”. Nese sentido, puxo en valor que a Deputación de Lugo ten xa 9 residencias en funcionamento –nos concellos de Pol, Trabada, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil- que dan servizo na provincia a través dun modelo de pequenos centros públicos, nos que prima a atención ás persoas, e que conta con moi boa acollida en Europa.

O Presidente sinalou outros proxectos e boas prácticas que impulsa a Deputación que contribúen a fixar poboación, como o Plan Deputación de Cooperación cos Concellos, a Granxa Gayoso Castro ou iniciativas turísticas como as rutas en catamarán ou o Parque Central de Antas que impulsan un modelo de colaboración público-privado.

Xunto á Deputación de Lugo están adheridas a esta rede colaborativa o Principado de Asturias e as deputacións de Tarragona, Ourense, Castellón, Guadalaxara, Palencia e Burgos, sumando xa máis de 20 entidades en todo o territorio nacional.

⚙ Configurar cookies
0.07829213142395