Gloria Prada representou o Concello de Monforte no II Encontro Estatal de Gobernos Locais
A tenente de alcalde, Gloria Prada, asistiu en representación do Concello de Monforte ao II Encontro Estatal Gobernos Locais e Cooperación Internacional ao Desenvolvemento que se celebrou os días 7, 8 e 9 de febreiro en Lugo.
Lugo acolleu nestas datas pasadas, unha cita transcendental para o desenvolvemento das políticas municipais e provinciais a nivel estatal. Trátase dun evento orientado a proxectar cara ó futuro as políticas públicas de cooperación ao desenvolvemento que levan a cabo os gobernos locais buscando a coordinación, articulación e coherencia das mesmas.
O Concello de Monforte como socio do Fondo Galego de Cooperación participou no mesmo, e Prada destacou a "importancia que supón que a nova lei considere as entidades locais como un dos pilares fundamentais do sistema de cooperación".
Tal e como afirma Prada, constitúe "unha oportunidade única para pór en valor as administracións locais e a consideración das mesmas na toma de decisións do resto de administracións".
Entre os axentes que integran o ecosistema da cooperación municipalista, os Fondos municipalistas de cooperación coordínanse a través da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade, que este ano cumprira 28 anos de percorrido, e que emerxe como marco de representación conxunta dos nove Fondos que o compoñen en todas as temáticas que, pola súa importancia, afectan ós seus intereses comúns.
Xunto a ela, a Federación Española de Municipios e Provincias supón o máximo órgano de representación da voz municipal en España.
Esta segunda edición contou coa colaboración e impulso de diversas administracións e entidades: a Dirección Xeneral de Políticas de Desenvolvemento Sostible (DGPOLDES) a Secretaría de Estado de Cooperación Internacional (SECI), o Ministerio de Asuntos Exteriores, a Unión Europea e Cooperación; a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desarrollo (AECID); a Xunta de Galicia; o Programa DEAR da UE, a través do proxecto “People anda Planet”; o Concello de Lugo e a Deputación de Lugo.