Fran Amil e a súa banda presentan hoxe 'Popsia' en Sober
Fran Amil e toda a banda presentarán hoxe Popsia. Será ás 20.00 horas no centro sociocultural do Concello de Sober.
Fran estará rodeado de músicos da categoría de Richi Casás no saxo, Antón Torroncho no baixo, Plácido García na guitarra eléctrica, Martín Aparicio na batería e Ángeles Dorrio nos coros.
Unha banda de luxo para unhas cancións que xa están a acadar a categoría de clásicos, como se pode comprobar no manifesto e notable disco que leva por título 'Popsía Vol. I'. Subxugante, rexenerador, vigorizante e teimoso na procura da mellor música pop que se fai agora mesmo.
Popsia
É o novo proxecto musical de Fran Amil. Pop, soul, rock, funky e outros ritmos en mestizaxe coas raíces da música galega. Un disco co que Fran Amil quere achegar os clásicos da lírica galega de tódolos tempos á mocidade do século XXI. Válese dun animoso ton de xúbilo que sorprende en moitos dos temas, algúns mesmo tradicionalmente tan pouco ligados ao alborozo como ”Negra sombra”. Mendiño, Rosalía de Castro, Leiras Pulpeiro, Amado Carballo, Avilés de Taramancos, Antón Tovar, Xosé María Díaz Castro, Celso Emilio Ferreiro, Afonso X O Sabio e Valle-Inclán soan brillantes e como non o fixeran ata o de agora.