Foron entregados os premios correspondentes ao XXXI Certame Municipal de Teatro de Monforte

RibeiraSacraXa
Gloria Prada entregou os premios correspondentes ao XXXI Certame Municipal de Teatro para centros de ensino de Monforte, convocado e organizado polo Concello de Monforte, a través da súa Concellería de Cultura, e que se celebrou dende o 15 de abril ata o 3 de maio no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.
premios XXXI Certame Municipal de Teatro Monforte
10 Maio 2024

Gloria Prada entregou os premios correspondentes ao XXXI Certame Municipal de Teatro para centros de ensino de Monforte, convocado e organizado polo Concello de Monforte, a través da súa Concellería de Cultura, e que se celebrou dende o 15 de abril ata o 3 de maio no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.

Tras o visionado dun vídeo resumo das actuacións dos diferentes centros educativos participantes, o rexedor monfortino fixo entrega a cada un dos representantes de ditos centros da gravación, nun lapis de memoria personalizado con logo do Concello e o nome do certame, das obras representadas, así como dun diploma acreditativo para cada un dos participantes.

Participaron un total de 116 alumnos de seis centros de ensino da cidade e dúas asociacións, todos eles recibiron un diploma pola súa participación e un DVD coa gravación da obra representada polo seu centro.

Os centros educativos que recibiron o galadón foron: o CEIP A Gándara, coa obra 'A historia xamais contada da Pombiña fachendosa'; a ANPA CEIP A Gándara, coa obra 'Alicia, o tempo é relativo'; o IES Río Cabe, coa obra 'A Cincenta non quería perdices'; o CEIP de Monforte, coa obra 'Tarta de mora'; o CEE Infanta Elena, coa peza 'Vivan los libros'; o Colexio P. Ferroviario, coa obra 'Emocional mente'; o IES A Pinguela, coa obra 'Mortes de risa' e Prodeme, coa obra 'Un médico a palos'.

Desenvolvemento do acto

Dende o Concello, destácase que as obras escenificadas resultaron un éxito tanto pola asistencia de público, como pola calidade interpretativa dos alumnos e a orixinalidade e detalles dos decorados, para cuxa elaboración, resultou fundamental a implicación dos pais e nais dos rapaces.

Os asistentes que acudiron ás distintas representacións saían satisfeitos das actuacións dos rapaces e rapazas, e os centros educativos tamén quedaron moi satisfeitos do traballo realizado pola comunidade educativa e polos alumnos e alumnas. O Certame de Teatro para Centros de Ensino de Monforte de Lemos organizado pola Concellería de Cultura, e que conta coa colaboración da Deputación de Lugo no Plan Deputación 2024 de Cooperación cos Concellos, é unha das actividades culturais que leva máis anos realizándose neste Concello, xa que xunto cos centros de ensino da cidade se convoca dende o ano 1991.

Ten, edición tras edición, un grande éxito en moi diferentes facetas entre as cales salientan a alta e entusiasta participación de nenos e nenas dos diferentes centros e a masiva presenza de público nas representacións teatrais.

O Concello busca a través do certame desenvolver as potencialidades artísticas e técnicas do alumnado e das persoas que o orientan, fomentando a convivencia, a tolerancia, a cooperación e a solidariedade.

A realización desta actividade non sería posible sen o apoio incondicional dos equipos directivos dos centros de ensino e dos seus profesores, en moitos centros formáronse aulas de teatro como actividade extraescolar, que coa súa implicación e enorme traballo logran estes magníficos resultados.

0.21914100646973