Folgoso instala dous contedores para a recollida de aceite usado
O Concello de Folgoso do Courel vén de instalar dous contedores para a recollida de aceite doméstico usado. Un deles instalouse en Folgoso, no cruce do colexio, e outro en Seoane, diante do Bar Anduriña.
O obxectivo desta iniciativa é xeneralizar en todo o termo municipal o proceso de reciclaxe dun produto altamente contaminante, especialmente nos acuíferos. A vertedura do aceite usado polos desaugadoiros supón a proliferación de pragas e de microorganismos prexudiciais para a saúde, ademais de provocar unha alta porcentaxe das avarías na rede de sumidoiros.
Por todo iso, desde o Concello de Folgoso do Courel animan aos veciños e veciñas a separar o aceite usado dos outros residuos, gardándoo en botellas de plástico pechadas que logo se depositarán nos contedores habilitados para a súa recollida.