Folgoso do Courel solicitou unha reunión coa Deputación para actuar en estradas da súa titularidade
O Concello de Folgoso do Courel aclara que xa solicitou unha reunión urxente co presidente da Deputación, delegado de vías e obras, para que poidan actuar nas estradas da súa titularidade e facer melloras nas mesmas. Estase á espera de que a Deputación concerte esa xuntanza. Esta información foi trasladada durante o último pleno aos demais grupos municipais.
En relación cos hostaleiros e sector turístico, o Goberno local rexeita que se intente usar politicamente unha desgraza como a acontecida co afundimento da estrada para crear enfrontamentos.
A rexedora o que explicou no Pleno é que “non se sabe cales van ser as solucións definitivas nin os prazos, motivo polo que aínda non se fixo ningunha convocatoria de reunión. O que se sabe ata a data xa se foi facendo público a través das canles oficiais do Concello e dos medios de comunicación”.
O Concello está buscando alternativas e publicándoas nas páxinas oficias e dándolles difusión e animando á xente a que siga visitando o municipio.
En todas as declaracións da alcaldesa así o fixo, explicar os datos oficiais que lle foron trasladado e insistir en que a xente non deixe de vir ao Courel.
O Goberno local lamenta que “o voceiro de C@urel Vivo empregue o seu posto de concelleiro para xerar malestar, cando os veciños e veciñas saben que o Goberno local está sempre á súa disposición e facilita sempre toda a información da que dispón e pode ser de utilidade, como así se fixo desde o primeiro momento do suceso e se seguirá facendo”.