Folgoso do Courel reclamará a Movistar e á Secretaría de Estado de Telecomunicacións
O Concello de Folgoso do Courel vén de coñecer a través dos veciños e veciñas as cartas que está enviando a compañía Movistar nas que os avisan que o día 26 de novembro deixarán de prestar servizos de comunicacións fixas sobre a rede de cobre en numerosas vivendas do municipio.
Na mesma misiva indícanlles aos afectados que se antes do día 26 non cambian “a unha das tecnoloxías alternativas ofrecidas, non poderás seguir gozando do teu servizo de comunicación fixas contratado, xa que procederemos a desconectar servizo sobre a rede de cobre e perderás o teu actual número de teléfono”.
A empresa ten dado como solución a conexión a través de ondas de radio, unha alternativa que non é viable na maior parte do territorio do Concello.
O Concello precisa que non pon impedimento ningún para poñer a fibra óptica, ao contrario, pero destaca “a importancia de mellorar o servizo, non que ofrezan solucións que o empeoren”. As cartas están sendo enviadas tanto a aqueles lugares nos que está comprometida a extensión da fibra, como son Seoane e Folgoso, como a outros nos que aínda non se está a implantar, como a Ferrería Vella, Esperante ou Santa Eufemia, por exemplo, que se verían igualmente afectados.
Por todo o anterior, o Goberno local considera “inadmisible” a forma de actuar da empresa e a opacidade coa que están a traballar no municipio, polo que hoxe mesmo se dirixiu mesmo á oficina provincial da Secretaría de Estado de Telecomunicacións á quen lle reclama que:
- Non manteña o prazo do 26 de novembro para facer o corte do servizo aos veciños e veciñas sen ofrecerlles unha solución viable.
- Informe convenientemente ao Concello de Folgoso do Courel e aos veciños das posibilidades que teñen para manter o servizo.
- Estuden a maneira de manter o servizo mediante solucións viables.