Caurel Vivo denuncia que a semana que vén só haberá médico o martes e o xoves

RibeiraSacraXa
“Esixiremos responsabilidades e solucións aos responsables deste atropelo", sostiveron
médico-Folgoso-do-Courel
25 May 2024

Desde Caurel Vivo denuncian a situación na que se atopa o Concello de Folgoso do Courel en canto a sanidade, xa que o vindeiro luns 27 de maio, o mércores 29 e o venres 31 non haberá ningún médico no Courel.

“Dende hai tempo imos vendo no Courel como se recortan e se degradan o servicios sanitarios. Primeiro desapareceron as gardas nocturnas. Segundo, e xa de forma habitual, non se cobren axeitadamente as ausencias dos facultativos, xa sexan baixas, vacacións ou días de libre disposición”, critican desde o partido.

Así, din que isto supón que “un só médico teña que cubrir as dúas consultas, reducindo á menos da metade o horario de atención ao paciente, como vén pasando últimamente”.

Ademais, explican que nos últimos tres meses, “na ausencia por baixa dunha das facultativas, menos dun terzo dos días de consulta foron cubertos. E a semana que vén, seguindo con esta dinámica de abandono por parte do Sergas, o Concello de Folgoso do Courel non contará con médico en ningunha das dúas consultas luns, mércores e venres. O que supón que estes días haxa veciños, por mor da dispersión xeográfica, que teñan o médico máis próximo a unha hora e cuarto”, denuncian.

Por todo isto, din que “esixiremos responsabilidades e solucións aos responsables deste atropelo. Xa estamos fartos das escusas de sempre, e que sexamos sempre os mesmos, as zonas de montaña máis afastadas dos hospitais referencia, quen suframos as consecuencias”.

0.1641891002655