Folgoso do Courel acollerá un curso sobre cogomelos
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar a semana que vén en Folgoso do Courel un curso sobre produción de cogomelos en troncos de castiñeiro e de carballo. A iniciativa está programada entre o venres 12 de novembro e o domingo 14 na Estación científica desta localidade lucense, en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 18.30 horas, cun total de 20 horas lectivas.
Impartido polo Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, o curso persegue dar a coñecer esta posibilidade produtiva compatible coa explotación da madeira e co aproveitamento da castaña, dado o pouco investimento inicial preciso para introducirse no mercado dos cogomelos. Así, no programa contémplanse contidos sobre as distintas especies de cogomelos que se cultivan en troncos, así como sobre a produción, a colleita e a postcolleita, entre outras cuestións. O curso inclúe un taller de inoculación de shiitake e outro de inoculación de cogomelo ostra.
A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes. Deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico cfea.guisamo@edu.xunta.es e consultar calquera dúbida no teléfono o 881 881 043.