Folgoso do Courel acolle dúas sesións formativas sobre agrupacións forestais de xestión conxuntas

Folgoso do Courel acollerá este sábado, 7 de marzo, dúas sesións informativas sobre as “agrupacións forestais de xestión conxunta” (AFXC), unha iniciativa que permite coordinar a xestión de masas forestais e que está a ser utilizada xa en varias aldeas do Courel e do Incio para a recuperación dos soutos.
As reunións abordarán aspectos como o funcionamento destas agrupacións, a posta en marcha e as subvencións dispoñibles, aproveitando que actualmente está aberta unha convocatoria de axudas da Xunta de Galicia, cuxo prazo remata a primeiros de abril.
A exposición estará a cargo de Pablo Yañez, da empresa forestal MADERSILVA, e do axente forestal Felipe Castro de Salcedo. Para achegar a información á veciñanza, haberá dúas sesións: en Folgoso, no salón de actos do Concello, ás 17:00 horas, e en Seoane, na Estación Científica, ás 19:00 horas.