Folgoso do Courel achega ao público ás técnicas artesanais na Artesanía de Galicia

RibeiraSacraXa
Ata o domingo, 11 de agosto, os visitantes que se acheguen a esta localidade poderán participar nos 9 obradoiros gratuítos e abertos
Artesanía-de-Galicia-no-Courel-2024
8 Ago 2024

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron na iniciativa Artesanía de Galicia no Courel, impulsada pola Xunta por cuarto ano consecutivo en Folgoso do Courel co obxectivo de achegar o público ás técnicas artesanais e aos valores que implica o feito á man, ademais de impulsar e consolidar a marca Artesanía de Galicia.

Artesanía de Galicia no Courel é un evento centrado exclusivamente na divulgación dos oficios artesanais e conta coa colaboración do Concello de Folgoso do Courel e da Fundación Uxío Novoneyra.

Ata o domingo, 11 de agosto, os visitantes que se acheguen a esta localidade poderán participar nos 9 obradoiros gratuítos e abertos para todos os públicos que están programados.

No Centro Sociocultural Fondo de Vila celebraranse en horario de 10.30 a 13.30 e de 16.00 a 18.00 horas as actividades de olería, tecido tradicional e estampaxe.

Durante os cinco días do evento celebrarase un obradoiro para amosar a Técnica de Felpado ou gorullo, impartido por Lourdes Otero, de Fusaiola; e o ceramista Carlos San Claudio será o encargado de impartir o obradoiro de 'Iniciación ao torno cerámico'.

Sandra Betanzos, de Amor ó Teu, impartirá un obradoiro diferente cada un dos días. O mércores 7 terá lugar o de Estampaxe de postais con selos; o xoves 8 o de Estampaxe de xeométricos en avionetas de goma eva; o venres 9, o de Estampaxe de patrón de repetición con goma eva en rodete; o sábado 10 amosará Estampaxe de papel e téxtil e manualidade de medusa; e o domingo 11, será a quenda da Estampaxe de cadernos con selos.

Na Fundación Uxío Novoneyra terán lugar dous obradoiros impartidos por María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop, en horario de 11.00 a 13.30 horas e de 16.00 a 18.00 horas. Do 7 ao 9 de agosto terá lugar o obradoiro de Iniciación ao traballo con coiro e os días 10 e 11 de agosto impartirán un obradoiro de Decoración de louza.

A programación de Artesanía de Galicia no Courel inclúe tamén sete cursos de iniciación a diferentes oficios como a ourivería, a cestería, o téxtil ou a carpintería, para os que se requiría inscrición previa.

Na Antiga Escola Unitaria de Parada desenvolveranse o curso de Iniciación á ourivería, impartido pola ourive Susi Gesto, que durará os cinco días do evento.

Na Carbiña terán lugar dous cursos de cestería, impartidos por de Julia de la Cal, de La Parabólica: Paxes revisitados, do 7 ao 9 de agosto, e Cesta Niño, os días 10 e 11 de agosto; e dous cursos de tecido ás agullas a cargo de Lola García, de Logaro: un sobre a Técnica do Nalbinding, do 7 ao 9 de agosto, e outro de iniciación da forquita con gancho, os días 10 e 11.

Por último, na Fundación Uxío Novoneyra, o artesán Rodrigo Mosquera, de Tresoficios, dirixirá un curso de Técnicas de Carpintería con alternativa para dous grupos diferentes: un do 7 ao 9 de agosto e outro que se concentrará na fin de semana, o sábado 10 e o domingo 11.

0.074383020401001