Foi adxudicado o proxecto de mellora da contorna da zona da Pinguela por 188.180 euros
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer a proposta mellor valorada para a execución do proxecto de mellora do entorno que rodea as instalacións deportivas e os edificios de vivendas da zona da Pinguela, que é a empresa Francisco Gómez y CÍA, S.L., con 86 puntos, polo que lle foi adxudicado dito proxecto por un importe de 188.180 euros. A empresa deberá presentar a documentación que lle sexa requirida dende o Concello no prazo aproximado dunha semana.
Este proxecto suporá a mellora do entorno que rodea as instalacións deportivas e os edificios de vivendas da zona da Pinguela. Concretamente, o Concello abordará a mellora das vías, aparcadoiros e beirarrúas municipais situadas no entorno do Campo municipal de fútbol, o Pavillón polideportivo, a Piscina municipal e as Pistas de tenis.
A principios do pasado mes de marzo, o rexedor monfortino deu a coñecer esta nova actuación e explicou que “este proxecto supón dar un paso máis na mellora da Pinguela, logo de que o pasado ano 2023 o Concello reformara o pavillón polideportivo municipal, no que investimos case 4 millóns de euros, e que deron como resultado que teñamos un pavillón moderno, funcional, eficiente enerxeticamente, e que da resposta ás necesidades dos clubs e os nosos deportistas”.
Ademais, engadiu, “trátase dunha zona que, polas instalacións deportivas que acolle, conta con moito tránsito diario de vehículos, que se intensifica especialmente nas fins de semana, cando se disputan as diferentes competicións deportivas que acollen tanto o pavillón, como o campo de fútbol, a piscina ou as pistas de tenis”.
Deste xeito, con este proxecto de mellora do entorno da Pinguela, ós que se engade o da iluminación dos estacionamentos desta zona, anunciado recentemente, así como a mellora integral da piscina, esta zona da cidade completará a súa transformación, posto que o Executivo de José Tomé xa levou a cabo a mellora das súas rúas, o novo parque Covas-Pinguela, o novo Pavillón polideportivo municipal, ou as melloras do Campo de Fútbol. “So quedará por arranxar as pistas de tenis, algo que temos xa en proxecto”, conclúe José Tomé.
“Seguimos a licitar a contratación de obras, servizos e subministros públicos, dentro dun ambicioso programa de mellora de infraestruturas urbanas e da rede viaria de Monforte tal como vimos facendo dende que chegamos ó Goberno fai preto de 9 anos, e que seguiremos facendo para cumprir o compromiso que temos con todos os monfortinos e monfortinas, para que Monforte siga medrando en todos os aspectos”.
O alcalde monfortino explicou que “a causa da reforma do pavillón de A Pinguela, fixéronse actuacións sobre o seu entorno, polo que é necesario reordenar as circulacións e as prazas de aparcamento que dan servizo ás instalacións deportivas municipais, así como ós edificios de vivendas existentes na zona.” Así, unha modificación importante deste proxecto é a reforma das entradas e saídas, “para darlle máis seguridade e facer os estacionamentos máis accesibles”.